Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bruxelas destaca o compromiso de Bolaños e Pons para traballar na reforma do Poder Xudicial

Bruxelas destaca o compromiso de Bolaños e Pons para traballar na reforma do Poder Xudicial

O ministro da Presidencia promete poñerse "mans á obra" ante a "última oportunidade" para lograr un acordo

O vicesecretario de Acción Institucional do PP di que son "pesimistas pero ambiciosos"

Os tres volverán reunirse o 12 de febreiro

G24.gal 31/01/2024 18:15 Última actualización 31/01/2024 20:43

O comisario europeo de Xustiza, Didier Reynders, destacou este mércores o "compromiso das partes" para traballar na reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial, despois da primeira reunión mantida co ministro de Presidencia e Xustiza, Félix Bolaños, e o vicesecretario de Acción Institucional do PP, Esteban González Pons.

"Nesta reunión, houbo un claro compromiso de todas as partes de traballar xuntos para garantir a implementación da recomendación da Comisión", indicou Reynders nunha declaración a través da súa conta en X.

Reynders referíase en particular á petición de Bruxelas a España de proceder con urxencia á renovación e posterior reforma do máximo órgano de goberno dos xuíces. O comisario anunciou que no encontro deste xoves acordouse manter unha nova reunión o próximo 12 de febreiro "para facer un balance das discusións".

"Hoxe tivemos a primeira reunión do diálogo estruturado sobre a implementación da recomendación do informe sobre o Estado de dereito relacionado co Consello Nacional do Poder Xudicial de España", sinalou Reynders tras a cita.

"Última oportunidade para o acordo", di o ministro da Presidencia

O ministro da Presidencia e Xustiza, Félix Bolaños, comprometeuse a traballar ante a que cualificou de "última oportunidade" para lograr un acordo que permita renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial.

 O ministro agradeceu ao comisario Reynders e á Comisión Europea a súa mediación e o seu interese e esforzo para que en España poida haber un acordo en "algo tan esencial como a normalidade institucional do Poder Xudicial". Cualificou de "cordial e construtiva" a reunión deste mércores.

"Poñémonos mans á obra para tentar acordar, esta vez ten que ser a definitiva, a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial". "Por nós, desde logo, non vai quedar. Coma sempre, durante todo este tempo, máxima disposición a chegar a un acordo e que recuperemos a normalidade", engadiu Félix Bolaños.

"Pesimistas pero tamén ambiciosos", di o PP

O vicesecretario de Acción Institucional do PP, Esteban González Pons, declarouse "pesimista, pero tamén ambicioso"  fronte ao novo intento de desbloquear a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial coa mediación da Comisión Europea e dixo estar "satisfeito" con esta primeira reunión.

"Son moi pesimista, pero non lle vou a negar unha oportunidade a este proceso de diálogo estruturado que se abriu porque cumpre coas expectativas que temos, imos falar de todo e imos falar de todo abertamente para dar unha oportunidade de recuperar a independencia, o prestixio, a autonomía e o respecto que se lle perdeu á xustiza española", dixo González Pons tras a reunión.

Preguntado polo motivo do seu pesimismo, o político popular referiuse a "a contraparte" e lamentou que "tentar negociar co Goberno de Pedro Sánchez cando un defende a independencia dos xuíces non lle permite a un ser optimista", aínda que asegurou que o PP entra no diálogo nun "espírito construtivo". 

Fronte ás declaracións do ministro de Xustiza, Presidencia e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, que descartou que a lei de amnistía poida influír nestas negociacións, González Pons apuntou a que "estamos metidos dentro dun contexto no cal a lei de amnistía está a supoñer unha deslexitimación por parte do Goberno do Poder Xudicial". "Iso inflúe? Si, iso inflúe nas conversacións que imos manter, pero díxeno antes, somos pesimistas, pero tamén ambiciosos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade