Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bruxelas prevé multas semestrais a países que non reduzan déficit e débeda

Bruxelas prevé multas semestrais a países que non reduzan déficit e débeda

A Comisión Europea endurece as regras fiscais, pero adaptaraas a cada Estado

G24.gal 26/04/2023 12:42

A Comisión Europea esixirá aos países máis endebedados reducións constantes dos seus cocientes de déficit e débeda públicos e prevé multas cada seis meses, que serán acumulables para aqueles que incumpran a senda de axuste pactada con Bruxelas.

A proposta para reformar as normas de disciplina fiscal presentada este mércores polo Executivo comunitario dará, con todo, máis flexibilidade aos Estados membros para deseñar o seu ritmo de recorte da débeda pública xa que cada Goberno acordará coa Comisión un plan fiscal a catro anos, ampliables a sete baixo certas condicións.

En casos de incumprimento da senda fiscal pactada coas autoridades comunitarias a Comisión Europea abriría un expediente por déficit excesivo que lle permitiría, en última instancia, impoñer multas equivalentes ao 0,05 % do PIB do Estado membro cada seis meses.

Esta sanción iría crecendo cada semestre ata un máximo do 0,5 % do PIB salvo que o resto de socios comunitarios certifiquen que o país incumpridor “adoptou accións efectivas” para embridar o seu déficit e a súa débeda.

Cos datos a peche de 2022, estas cifras resultan en multas potenciais para España cada semestre de aproximadamente 660 millóns de euros e un máximo de 6.600 millóns no caso de que persistise no incumprimento e non adoptase axustes fiscais.

“As nosas propostas permiten unha rendición de contas máis crible como contrapartida a un marco de supervisión que dá máis flexibilidade aos Estados membros para deseñar as súas traxectorias fiscais”, explicou nunha conferencia de prensa en relación aos capítulos de sancións o comisario de Economía, Paolo Gentiloni.

Eses plans a catro anos, baseados en criterios técnicos propostos pola Comisión e que terán que ser avalados polo resto de socios comunitarios, establecerán unha senda fiscal baseada no crecemento do gasto público que deberá asegurar que nese prazo os países cuxa débeda supere o tope do 60 % do PIB a reducen de forma “plausible” ou a levan a niveis “prudentes”.

O déficit público, pola súa banda, terá que descender ata o 3 % do PIB, un limiar que tampouco cambia con respecto ao actual Pacto de estabilidade e crecemento, suspendido desde o inicio da pandemia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade