Buscan o home que atacou a paus un autobús en Boiro
Buscan o home que atacou a paus un autobús en Boiro
A Garda Civil identificou o agresor, pero segue en paradoiro descoñecido
A Garda Civil de Boiro continúa na busca do home que atacou a paus o bus de liña que se dirixía a Ribeira á primeira hora da mañá do domingo. O individuo está perfectamente identificado, pero atópase en paradoiro descoñecido.
"Eran sobre as nove da mañá, e a persoa en cuestión xa estaba dando a nota desde antes, facendo comentarios. Ao parecer cando chegou o bus preguntoulle ao conductor por unha parada concreta á que non se dirixía ese bus. Entón el, non sei se o tomou como algo persoal polo estado no que iba, que dixo, se non vou eu, non vai ninguén", explica a camareira do bar que está na parada.
Os pasaxeiros do autobús puideron gravar o rostro do agresor, coñecido polos veciños e a Garda Civil, xa que estaba fichado no cuartel por outros episodios anteriores. No cuartel de Boiro continúa a investigación para dar co seu acubillo, probablemente nalgunha casa do Barbanza, onde se refuxiaría despois do brutal ataque.
"Arrancou o parabrisas do bus e colleuno como un bate de beisbol golpeando a cristaleira. Feriu o conductor, fíxolle un corte na man, e provocou moito alboroto como consecuencia", comenta a camareira.
Por outra banda, Monbus informou de que o condutor está traballando e está ben, malia o tremendo susto. Ademais, sinalaron que o bus presenta importantes danos materiais e está en reparación, con outro de substitución cubrindo a liña. A concesionaria condena o ataque, pero entende que se trata dun episodio excepcional que rematará coa detención do atacante.