Buscan os cans que mataron case corenta animais de granxa en Vilaboa
Buscan os cans que mataron case corenta animais de granxa en Vilaboa
Matáronlle ovellas e máis de vinte polos nunha leira pechada en Pedrouzo
Nos mesmos días, outra familia de preto fotografou dous cans que atacaron os seus animais
De pouco valeu o cartel nin tampouco a reixa que rodea toda a leira.
"Matáronnos dez ovellas, tres años, dúas cabritas e 24 polos. Que doe! Porque están criando para ter e agora quedas como as galiñas sen dentes", explica Ana Rubianes, a prexudicada.
Como as tres únicas superviventes desta matanza en Pedrouzo, en Vilaboa. Tres galiñas. Por certo, unha delas malferida.
Foron dous ataques cunha semana de diferenza. En total, 3.000 euros de perdas, e o peor...
"Cando vin todo esto cheo de plumas brancas parecía neve e cando vin os polos ciscados e o resto das ovellas que quedaban tamén mortas, pois é un pao! Nós estamos xubilados e viñamos para aquí pero agora a que ves? Para nós é horrible. Vir aquí e atopar todo asi morto", relata Ana moi emocionada.
Desconfían de dous cans domésticos. Por que?
"Porque na rede apareceron pelos brancos e castaños, e aquí non hai lobo", engade Ana.
Pero tamén porque nos mesmos días, a poucos quilómetros, en Salcedo, outra familia perdía 12 galiñas e un coello. Conseguiron fotografalos ao lonxe.
"Esta xente que os ten, que sabe que son perigosos, porque estes cans chegaron á casa cheos de sangue. Vendo como estaba isto, todo cheo de sangue, a eses cans eses donos víronos cheos de sangue, polo que deberían vir e preguntar", lamenta a afectada.
Agora mesmo, Carlos e Ana non teñen o corpo para volver empezar. Son moitas perdas, económicas pero, sobre todo, emocionais.
"Non che quedan ganas de ter nada. De momento, non mentres non arranxemos o que romperon e veremos porque non estamos para levar desgustos agora", sentencia Ana Rubianes.