Buscan restos dunha factoría metalúrxica da Idade de Ferro na Pobra do Brollón
Buscan restos dunha factoría metalúrxica da Idade de Ferro na Pobra do Brollón
Os arqueólogos tamén localizaron os restos de varias canles de drenaxe con fins agrarios
Un proxecto do Instituto de Ciencias do Patrimonio na contorna do castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón, tivo como resultado a descuberta do que podería ser un taller metalúrxico anterior á chegada dos romanos.
Tras detectaren vestixios de construcións a través de sondaxes, os arqueólogos traballan na procura desa industria da Idade de Ferro precisamente nun lugar chamado O Escourial.
César Parcero, arqueólogo: "Hai unha grande acumulación de escoura, con moita terra, e de momento pouco material que poidamos relacionar para saber de que época son. Entón imos intentar datar a través das escouras, que parecen dunha tecnoloxía do ferro bastante antiga".
Xurxo Ayán, arqueólogo: "De ser certo que isto é de época prerromana, seria bastante revolucionario. Estariamos falando dunha sociedade cunha tecnoloxía moi avanzada e probablemente xerarquizada".
Pero este obradoiro onde se cre que os antigos galaicos traballaban o metal non foi o único achado nos arredores do castro. Os arqueólogos tamén localizaron os restos de varias gabias de drenaxe con fins agrarios.
David González, arqueólogo: "Neste proxecto interésanos coñecer que actividades desenvolvían os habitantes dos castros na súa contorna, un tema pouco investigado. Aquí, por exemplo, recoñecemos unhas canles para drenar a auga de zonas encharcadas".
As escavacións arqueóloxicas no castro de San Lourenzo, na parroquia de Cereixa, comezaron en 2016, e dende aquela non deixaron de dar froitos.