Publicador de contidos
Publicador de contidos

Buscan un home que acoitelou un veciño de Sada

Buscan un home que acoitelou un veciño de Sada

A vítima foi trasladada ao Complexo Hospitalario da Coruña para ser atendida. O seu estado non é grave e non se teme pola súa vida

G24.gal 25/09/2024 09:36 Última actualización 25/09/2024 14:26

A Garda Civil busca un mozo por ferir un home duns setenta anos en Sada cunha arma branca. O aviso chegou ás 17:53 horas do martes desde o lugar de Mandín, na parroquia de Soñeiro, a onde acudiron os axentes.

Segundo o relato da propia vítima, un home de 69 anos, veciño da Coruña, estaba traballando nunha leira cando o agresor saltou o peche e atacouno repetidas veces cunha arma branca. Supostamente ía encarapuchado, asestoulle varias coiteladas e fuxiu, deixándoo ferido.

Foi a propia vítima a que chamou a emerxencias para solicitar axuda: dixo que o agrediran mentres traballaba e que precisaba asistencia sanitaria. Mobilizáronse dúas ambulancias, Garda Civil e Policía Local de Sada.

Foron os municipais quen lle deron os primeiros auxilios, ata a chegada dos sanitarios que, finalmente, trasladaron a vítima ao hospital da Coruña, aínda que as feridas non foron de carácter grave e nunca se temeu pola súa vida.

Os axentes comezaron entón a busca do agresor, de quen polo momento non transcenderon máis datos sobre a súa identidade nin os motivos que o levaron a cometer a agresión. Contan os veciños que a vítima foi policía na Coruña, pero descoñécese se a súa ocupación anterior puidera ter que ver co suceso. 

Hai poucos residentes na zona e, en principio, ninguén que vira nada estraño. A Policía Xudicial da Garda Civil ten aberta a investigación sobre o caso. Axentes de criminalística peitearon o lugar dos feitos para tentar dar con algunha pista que conduza ao agresor.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade