Buscan unha boa albina que non atopan nunha vivenda do centro de Ferrol
Buscan unha boa albina que non atopan nunha vivenda do centro de Ferrol
O dono do animal cre que pode estar agochado na casa, pero denunciouno ante a Policía Local
Malia saber que a boa non é perigosa, os veciños están en alerta desde o mércores
Búscase unha boa albina de dous metros no centro de Ferrol desde este mércores. Cren que o animal pode seguir na vivenda, que desapareceu nun descoido do dono, que estaba preparando unha mudanza. Aínda que a boa non é perigosa, hai inquedanza entre os veciños.
Susto e medo son as palabras que máis se repiten. En alerta están os veciños da rúa Galiano desde que este mércores unha boa albina de dous metros desapareceu dunha das vivendas deste edificio.
"Eu non dormiría aí. Ti dáste conta de que veña, que te mida e que te pape?", explica unha veciña.
Pedro, veciño do mesmo edificio, din estar agora máis tranquilos, pero atentos.
"Nin ataca nin é velenosa, entón pois levámolo mellor. Aínda así cada vez que vamos ao baño miramos se está por aí", engade.
O dono do animal denunciou a súa desaparición o mesmo día, e el máis ca ninguén quere recuperala, pois leva 4 anos ao seu coidado, tal e como explicaba no programa desta canle Hora galega.
"Está acostumada a estar coa miña familia. A miña filla cóllea e esta con ela", di Raúl, o dono da boa albina desaparecida.
"Estamos remexendo a casa enteira, sacando a roupa dos armarios... porque estou seguro de que está na casa".
Desde a Policía Local de Ferrol apelan á calma dos cidadáns, pois a boa, que ten chip, non é perigosa nin velenosa, e piden chamar as autoridades no caso de atopala.
A veciñanza espera que apareza pronto, pois algúns comercios, como un salón de peiteado próximo, ve como algúns clientes anulan citas por temor. Mentres a boa albina non volva ao seu fogar, os veciños continuarán revisando as vivendas por se atopan algún convidado sorpresa.