Cabezas pide ao BNG que se posicione tras acordar con Rodríguez poñer fin á era Jácome
Cabezas pide ao BNG que se posicione tras acordar con Rodríguez poñer fin á era Jácome
“Tanto Paco Rodríguez coma min temos a firme vontade de cumprir co que dixemos no seu día, pero que vai facer o BNG?”, pregúntase nun comunicado o candidato do Partido Popular
Jácome afea a Cabezas pasar de que goberne o máis votado a outro plan b "sen ruborizarse"
O aspirante á alcaldía de Ourense polo PP, Manuel Cabezas, tras unha reunión mantida co líder da candidatura socialista Paco Rodríguez, en que ambos compartiron que a situación vivida este mandato con Gonzalo Pérez Jácome de alcalde non debe seguir, pediu ao BNG que se posicione sobre isto.
Nun comunicado, Cabezas indica que lanza esta mensaxe tras un primeiro contacto con Rodríguez, no cal, sinala, analizaron as posibilidades de pacto tras os resultados electorais do domingo 28 de maio.
O popular indica que Rodríguez e el comparten "plenamente", sobre a situación vivida no Concello de Ourense durante os últimos anos: "Non pode volver repetirse e, por tanto, estamos absolutamente de acordo en poñerlle fin o próximo 17 de xuño".
Manuel Cabezas asegura ser consecuente co que dixo durante a campaña, que era que “no caso de non haber maiorías suficientes, PP, PSOE e BNG deberían explorar posibles vías de acordo”.
Agora, incide na nota: “Tanto Paco Rodríguez comas min temos a firme vontade de cumprir co que dixemos no seu día, pero que vai facer o BNG?”. Pregúntase o candidato popular e lembra ao nacionalista Luís Seara as súas palabras, que coinciden coas tamén pronunciadas por Cabezas: “Estamos nunha situación de emerxencia social e política”.
"Se é así como ve a cidade o Bloque, só espero que sexan consecuentes e cumpran co que din: mirar ao futuro”, apunta Cabezas, que apela á necesidade dun novo Goberno local “para non defraudar a vontade maioritaria de cambio expresada polos ourensáns que votaron o PP, PSOE e BNG”.
Lembra ademais Manuel Cabezas que nada máis chegar á presidencia da xunta local do PP de Ourense, en xullo de 2022, ordenou "a ruptura do pacto con Democracia Ourensá”.
"Desde entón e reiteradamente, mesmo durante toda a campaña electoral, manifestei que ese pacto nunca se volvería dar, e iso é o que manteño”, remarca.
Unha posición idéntica á manifestada polo propio candidato socialista, puntualiza tamén Cabezas, “que dixo que nunca fará alcalde a Jácome”.
A confianza maioritaria da cidadanía avala esta postura, sinala Manuel Cabezas. “Entre PP, PSOE e BNG sumamos 17 concelleiros, sete dos cales pertencen á segunda lista máis votada, o Partido Popular, e por tanto maioritaria das tres”, conclúe.
Jácome afea a Cabezas pasar de que goberne o máis votado a outro plan b "sen ruborizarse"
O alcalde en funcións de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, afeou ao candidato do PP na cidade, Manuel Cabezas, que pasara do "ten que gobernar a lista máis votada" a outro plan B "sen ruborizarse" e despois de que Democracia Ourensá (DO) conseguira ser a primeira forza nas municipais.
Jácome escribiu en Twitter que iso de "ten que gobernar a lista máis votada" é o que proclamaron "durante a campaña os candidatos de PP e PSOE, Cabezas e Paco (Rodríguez)", pero unha vez que DO foi "a máis votada" pois Manuel Cabezas "quere transferir os votos do PP ao PSOE, sen ruborizarse e sen críticas dos medios".
🗣️"TIENE QUE GOBERNAR LA LISTA MÁS VOTADA",
— Gonzalo Pérez Jácome -Alcalde de Ourense- (@gonzalojacome) June 1, 2023
proclamaron durante campaña los candidatos de PP y PSOE, Cabezas y Paco,
🤷🏻♂️ Pero una vez que DO ha salido como lista más votada, Manuel Cabezas quiere transferir los votos del PP al PSOE, sin sonrojarse y sin críticas de los medios.
Noutra mensaxe anterior, avisara este rexedor independente de que "asignadas as cartas, empezou a partida de póker", na cal "todo se reduce a saber xogar as cartas, é dicir, as opcións".
Rueda pídelle aos socialistas "que se aclaren"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu respecto a gobernabilidade en Ourense que os socialistas "se aclaren", logo de que o PSOE provincial anunciase que exploraría contactos con Jácome para evitar que mantivese a presidencia da deputación, mentres o candidato do PSdeG, Francisco Rodríguez, acordaba co do PP bloquear a reelección do alcalde ourensán.
Respecto á institución provincial, Rueda dixo que polo momento ninguén lle propuxo substituír a Manuel Baltar, "e non me parecería normal", asegurou.
Rueda asegurou que do mesmo xeito que no resto de entidades locais é partidario de que goberne a lista máis votada, neste caso a do PP, e asegurou que vai tentar que sexa así "sen falar de persoas".