Publicador de contidos
Publicador de contidos

Caída dos bancos nos EUA, por Maite Cancelo

Caída dos bancos nos EUA, por Maite Cancelo

En España, as grandes entidades financeiras teñen un modelo de negocio totalmente distinto, de banca tradicional, cunha carteira de clientes moi diversificada

G24.gal 14/03/2023 07:30

Nestes días estivemos a ver como, por unha banda, caeu Sillicon Valley Bank (SVB), un dos principais prestamistas tecnolóxicos dos Estados Unidos, polo que os seus principais clientes son empresas emerxentes e emprendedores de industrias cun forte compoñente tecnolóxico, cun maior nivel de risco que as empresas apoiadas pola banca tradicional.

A caída de SVB veu despois da de Silvergate Bank, especializada no negocio das criptodivisas. No caso da entidade californiana, a alarma saltou coa retirada, o pasado xoves, de 42.000 millóns de dólares (a cuarta parte do depósito total do banco), iso só nun día.

Ante esa situación, a entidade vendeu un paquete de bonos para poder atender as demandas de efectivo dos depositantes, perdendo 1.800 millóns de dólares e rexistrando a maior retirada de fondos que se produce dende o ano 2008, o que provocou a intervención do banco o pasado venres por parte da Corporación Federal de Garantía de Depósitos (FDIC) e xa adquirido pola filial do Reino Unido do HSBC por unha libra esterlina.

Hai que ter en conta que subir de forma tan rápida os tipos de xuro, como resposta da Reserva Federal Americana (FED) ante a inflación, provocou que o valor de liquidación da carteira de bonos de alta duración se afundiuse, ao que hai que sumar a perda de valor das accións que, desde o ano pasado, está a producirse nalgunhas empresas tecnolóxicas.

A resposta dos reguladores americanos, inicialmente, foi de restar importancia á caída e adiantar que non habería rescates, pero ao ser intervido un terceiro banco, o Signature Bank, de Nova Iork (pola importante deterioración do seu capital e investimentos en negocios inseguros), a Reserva Federal xa anunciou que, dende o luns, os clientes poderán retirar os seus depósitos sen límites para, desta forma, tentar parar o pánico, a saída de capitais dos depositantes e un posible efecto contaxio de cara a outras entidades financeiras.

En resumo, as claves da caída son: o modelo de negocio, as consecuencias derivadas nos bonos pola forte subida dos tipos de interese no país americano e o pánico. Por tanto, esta situación é totalmente distinta á caída de Lehman Brothers do ano 2008, xa que falamos dunha banca máis especializada.

Sen risco de contaxio

É certo que, inicialmente, o ocorrido alén do atlántico impactou sobre a Bolsa española, afectando, sobre todo ás entidades financeiras (con caídas de entre o 7 e o 10 %) e cun efecto arrastre sobre o IBEX35, que perdeu onte un 4 %. Isto prodúcese porque se nos EUA esbirran, aquí arrefriámonos, pero hai que ter en conta que os bancos afectados, ata o momento, teñen un negocio moi focalizado na tecnoloxía e nas criptomoedas e que unha parte do ocorrido ten que ver coas elevadas subas dos tipos de interese nese país.

En España, as grandes entidades financeiras teñen un modelo de negocio totalmente distinto, de banca tradicional, cunha carteira de clientes moi diversificada, que vai dende particulares ata empresas de distinto tamaño e sector empresarial, con negocios máis sólidos. 

Ademais, é máis que probable que o BCE manteña o seu plan de subida dos tipos de xuro, o cal, é outro indicio de que as autoridades monetarias europeas non consideran que poidamos ter situacións de perda de solvencia na banca europea, que, ademais, está sometida a unha vixilancia superior á da súa homóloga americana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade