Biden manda unha mensaxe de tranquilidade tras a segunda creba dun banco
Biden manda unha mensaxe de tranquilidade tras a segunda creba dun banco
O temor esténdese polo sector bancario mundial tras o peche do Signature Bank
Calviño confia na fortaleza dos bancos españois
Os empregados de Signature Bank atopaban este luns pechado o seu posto de traballo.
É a segunda entidade estadounidense que creba en 3 días, despois de que o venres se anunciara a intervención do Silicon Valley Bank, con problemas de liquidez tras unha fallida ampliación de capital.
O temor ao efecto contaxio tentábao atallar o presidente dos Estados Unidos cunha mensaxe de tranquilidade.
"O sistema bancario é seguro", dicía Joe Biden, que garantía aos clientes das dúas entidades o acceso aos seus depósitos.
O presidente aclaraba que non vai haber rescate de ningunha das dúas entidades con fondos públicos, que os accionistas afrontarán as perdas e que os directivos dos dous bancos van ser despedidos. "Así e como funciona o capitalismo", dicía Biden.
Pero o medo estendeuse polas bolsas mundiais: o IBEX pechou coas maiores perdas desde xuño. O Sabadell, o máis castigado, caeu un 11% e o resto do sector bancario español rexistrou perdas de entre o 5 e o 7%. A vicepresidenta tentaba disipar temores.
Nadia Calviño asegurou que"os bancos españois atópanse cun marco de supervisión e regulación reforzado e cunha situación saneada dos seus balances".
Os expertos confían en que as augas se calmen durante a semana.
Segundo Francisco Sánchez, director de Renta 4 Vigo "É un tema moi puntual dunha entidade moi concreta que se dedicaba a financiar empresas de tecnoloxía e non ten nada que ver co resto da banca".
"Non hai contaxio e non vemos ningún risco significativo", explicaba o comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, aínda que o recordo de como comezou a crise de 2008 bastou para que o asunto se coase na orde do día do Eurogrupo.