Cámara de bronce dos profesionais europeos para un fotógrafo de Ribeira
Cámara de bronce dos profesionais europeos para un fotógrafo de Ribeira
Manuel Iglesias Lesmes gañou o premio na modalidade de vodas
Prefire o traballo de cámara in situ que non precise de retoque posterior
Considera que os premios recoñecen o legado de seu pai e o traballo de seus irmáns
Para Manuel Iglesias 'Lesmes' os clics da cámara son como unha música que desata as emocións, sobre todo se van asociados a unha cámara analóxica con película en branco e negro, unha técnica que aprendeu xa de rapaz con seu pai. Por iso nas súas reportaxes de voda case sempre se alternan as imaxes que nacen do carrete clásico coas puramente dixitais.
Dunhas e doutras fixo unha escolla para mandar aos premios dos Fotógrafos Profesionais Europeos. Algunhas delas foron das máis valoradas o que lle supuxo a Cámara de bronce desta edición. Di que mandou un pouco de todo, porque os profesionais nórdicos non valoran tanto a espontaneidade e a expresión dos sentimentos, que é o que a el máis lle interesa, aínda cando procura coidar moito o encadramento.
"Non son un fotógrafo de posprodución; son fotógrafo da toma, da cámara, de captar o momento que, ao final é o máis importante. É coma un bo cociñeiro, cando o peixe está ben fresco, tampouco ten moito que facerlle".
Manuel está acostumado aos recoñecementos profesionais. Para el é importante que se encadren no marco do equipo que comparte cos seus irmáns e con quen lles ensinou o oficio e a paixón por captar momentos e sentimentos especiais.