Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dous voos cancelados e 12 atrasos en Santiago por mor da folga de Ryanair

Dous voos cancelados e 12 atrasos en Santiago por mor da folga de Ryanair

A primeira hora deste martes non saíu do aeroporto Rosalía de Castro o avión que debía realizar a ruta de conexión coa capital española e que tampouco permitiu que se realizase a viaxe de regreso

A folga deixou sete voos retrasados en Santiago este luns

G24.gal 16/08/2022 08:46 Última actualización 16/08/2022 20:42

En plena operación retorno de vacacións, a aeroliña Ryanair cancelou este martes dous voos que tiñan que realizar a ruta entre Santiago e Madrid. O primeiro deles era o que debía saír do aeroporto Rosalía de Castro da Lavacolla ás 6:50 da mañá.

Ao non realizar esa viaxe con destino á capital española tampouco se realizou a de regreso, que debía aterrar na Lavacolla ás 9:45 procedente de Madrid.

Amais no aeroporto de Lavacolla houbo atrasos noutros 12 voos.

Segundo informaba USO, un dos sindicatos convocadores da folga, nesta xornada tamén se ían cancelar a conexión entre Santiago e Fuerteventura, nos dous sentidos. Finalmente o voo saíu da Lavacolla, aínda que con máis de tres horas de atraso. Foi operado por unha tripulación francesa, "nun novo caso de esquirolaxe saltándose o dereito á folga", denuncia o sindicato.

A deste martes é a segunda xornada de folga convocada para esta semana polos tripulantes de cabina da aeroliña irlandesa e que se vai estender desde este mes de agosto ata despois do Nadal, e que serán semanais de luns a xoves.

Na primeira das xornadas de paros desta semana, neste luns festivo, en total Ryanair cancelou seis voos en toda España. Houbo ademais 244 atrasos nas súas saídas e chegadas, dos que sete corresponden a Santiago de Compostela.

Tras as folgas de xuño e xullo, USO e Sitcpla anunciaron estes novos paros semanais ata o 7 de xaneiro de 2023, en demanda dun convenio colectivo asinado baixo a lexislación española, despois de que a empresa cerrase con CCOO un acordo sobre salarios, "rosters" (catro días en activo seguidos de tres libres) e complementos dos tripulantes de cabina españois.

Para os sindicatos convocadores, maioritarios, o acordo subscrito entre CCOO e Ryanair non ten carácter vinculante, posto que se asinou cun sindicato "non representativo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade