Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cancélase a visita do presidente de Ucraína a España anunciada para este venres

Cancélase a visita do presidente de Ucraína a España anunciada para este venres

Confirmouno a Casa do Rei horas despois de avanzar un encontro do monarca con Volodímir Zelenski

Prevíase tamén unha reunión con Pedro Sánchez para asinar un acordo de seguridade bilateral, malia a que o Goberno non chegou a anunciar a data

A anulación da viaxe deberíase á complexa situación da guerra, sobre todo nas rexións de Kharkov e Donetsk

O presidente ucraíno, o pasado 9 de maio en Kíiv (Goberno de Ucraína vía Europa Press). O presidente ucraíno, o pasado 9 de maio en Kíiv (Goberno de Ucraína vía Europa Press).
G24.gal 15/05/2024 00:45 Última actualización 15/05/2024 08:13

A Casa do Rei anulou da súa axenda a reunión prevista no Palacio Real de Madrid entre Filipe VI e o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, que programaran para este venres e que se enmarcaría nunha visita a España que Moncloa non quixo confirmar oficialmente en ningún momento.    

Medios portugueses apuntaron a que o motivo para pospoñer as visitas a España e Portugal, onde tamén se esperaba a Zelenski, sería a "difícil situación" en varias frontes da guerra, o que non aconsellaría realizar unha viaxe ao estranxeiro nestes momentos.    

En concreto, CNN Portugal adiantou que Zelenski pospuxo de novo a visita a estes dous países polo avance das tropas rusas en Khrkov, considerada "estratéxica" para os intereses ucraínos. De feito, o gobernador da rexión, Oleg Sinegubov, informou de que polo menos 7.531 civís, entre eles 568 menores de idade, foron evacuados nos últimos días como consecuencia da nova ofensiva.  

Zarzuela informara, nunha actualización da axenda da Familia Real nas últimas horas, de que o presidente de Ucraína sería recibido este venres por Filipe VI no Palacio Real e, posteriormente, acudiría a un xantar de honra no que tamén participaría a raíña Letizia. Nesta visita, a primeira de carácter bilateral, tamén sería recibido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para asinar un novo acordo bilateral de seguridade. Con todo, desde Moncloa non se chegou a confirmar este extremo.  

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, sinalou que o presidente ucraíno "sempre é benvido a España", pero deixou que el non quere "andar entrando en desmentir, confirmar, falar de movementos" por motivos de seguridade.  

Albares aproveitou para reiterar o apoio de España a Ucraína tanto tempo como sexa necesario e informou de que este luns falou por teléfono co seu homólogo ucraíno, Dimitro Kuleba.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade