Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cans galegos intentarán salvar vidas en Turquía

Cans galegos intentarán salvar vidas en Turquía

Unha das cadelas enviadas é a Campioa de Europa de rescate

Coas dúas cadelas marchan catro guías caninos de CASAGA

G24.gal 07/02/2023 21:37 Última actualización 07/02/2023 21:56

A ONG Salvamento, Axuda e Rescate pediulles colaboración para Turquía e non o pensaron dúas veces.

Catro membros da Asociación de Cans de Salvamento de Galicia e dúas das súas cadelas marchan o mércores para aló, para intentar rescatar persoas atrapadas nos cascallos dos edificios que tirou o terremoto.

Anca, actual campioa de Europa de rescate, e Lola, a súa sobriña, participan nun simulacro de salvamento de persoas enterradas no centro de adestramento de Ferrol canda os seus guías. É un adestramento distendido, que cambiará mañá, cando estean en Turquía. Aló, para José Luis, Víctor, Luís e Alejandro será unha cuestión de vida ou morte entre os entullos das construcións que o terremoto tirou abaixo.

Alejandro Barreiro é o responsable da Unidade de Cans de Salvamento de Galicia, CASAGA.

"Dixéronnos que levásemos o necesario para estar en vivac, en modo supervivencia, as primeiras 72 horas. Máis de tres, cinco días, non creo que se poida estar sen relevo".

Un dos seus compañeiros de aventura, José Luis García Ruano, guía canino en CASAGA, tamén comenta o importante que é a compenetración de can e guía.

"No traballo co can somos dous, non é o can só ou o guía só, é traballo de equipo". 

A asociación sen ánimo de lucro CASAGA naceu hai 20 anos entre os bombeiros de Ferrol e Lugo e colabora coa Dirección Xeral de Emerxencias e coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Participan decote en rescates por toda Galicia, como a última derruba de dous edificios en Ferrol ou a explosión dunha pirotecnia en Tui. Tamén na busca de persoas desaparecidas. Mesmo colaboraron no terremoto de Sumatra de 2009. O sentimento de satisfacción ao rescatar alguén con éxito sempre é o mesmo, en calquera dos rescates.

Destas horas, aínda están a decidir se marchan en coche á medianoite ou de mañá en avión cara a Barcelona, de onde este mércores sairá o voo que os levará a Turquía. Unha vez aló, saberán a súa misión, aínda que non estea moi claro pola confusión existente no país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade