O Carballiño celebrou a 62 edición da Festa do Polbo
O Carballiño celebrou a 62 edición da Festa do Polbo
Foi o ramo dunha programación ampla de concertos, actividades e degustacións celebradas nos últimos días na localidade ourensá
Sacar o polbo da pota no momento exacto de cocción é unha destreza que dominan ben no Carballiño. As decenas de miles de persoas que asistiron a esta romaría gastronómica, no parque municipal da localidade ourensá, acreditan o bo facer das polbeiras.
"Está moi rico", "É o mellor", "Para repetir", comentan varias persoas.
Aquí a tradición manda preparalo á feira, servilo nun prato de madeira e mesmo acompañalo con viño do Ribeiro.
"A ración custa once euros e cobramos unha fianza polo prato, se non quedamos sen eles", di unha polbeira.
A case cen quilómetros do mar, o Carballiño celebra unhas das festas do polbo con máis sona dentro e fóra de Galicia. Declarada de Interese Turístico Internacional, repítese cada ano o segundo domingo de agosto.
Foi o colofón dunha ampla programación de actividades, concertos e degustacións que se sucederon nos últimos días.