Carmen Mola: "Hai polémica, pero esperemos que pase pronto"
Carmen Mola: "Hai polémica, pero esperemos que pase pronto"
"Nós nunca tivemos intención de molestar a ninguén", din os autores gañadores do Planeta
"É un traballo en equipo. É unha obra de autoría colectiva"
Os autores que hai detrás de Carmen Mola: Agustín Martínez, Antonio Mercero, e Jorge Díaz, en plena promoción da novela La Bestia, coa que gañaron o premio Planeta, agardan que pronto pase a polémica despois de que se coñecera que quen estaba detrás dese pseudónimo eran tres homes. "O importante é a novela", din.
"Nunca tivemos intención de molestar a ninguén"
"A polémica existe. Existen as redes sociais. Pero nós tamén dicimos que na rúa, na vida real, na casa, cos nosos amigos e familia, o único que recibimos foi cariño", explica Jorge Díaz.
"Nós nunca tivemos intención de molestar a ninguén, e si que hai polémica, pero eu espero que pase pronto, e ao final o que importa é a novela, porque o premio Planeta é un premio a unha novela, non a un escritor. O que importa é que fale La Bestia", asegura.
Os tres escritores están moi satisfeitos coa acollida que está tendo a novela, que leva poucos días nas librerías. "Antes xa da publicación xa se produciu unha reedición. É algo insólito. Así que moi boas expectativas. As primeiras noticias tanto de feedback, como de vendas, pois aínda é pronto, pero pinta moi ben", di Antonio Mercero.
"É un traballo en equipo"
Escribir a seis mans non é algo común, pero estes tres autores levan tempo facéndoo. Aseguran que non hai un método para facelo. "Non hai un papel definido. É un traballo en equipo. É unha obra de autoría colectiva", explica Agustín Martínez.
Polo que contan, todos fan de todo: "Traballamos os tres xuntos o argumento, traballamos os tres xuntos a estrutura e logo chega un momento en que hai que escribila, e estamos mirando como facer para poñer as seis mans no teclado, e iso aínda non o conseguimos, así que imos dun en un. Un escribe e despois pasa ao seguinte. E reescribe e reescribe, e así nunha espiral de reescrituras infinitas ata que chegamos ao final da novela".
En La Bestia deixan atrás o xénero policial, co que se deu a coñecer Carmen Mola, para introducirse na novela histórica, que esixiu un importante traballo de documentación. "É un labor que non é complexo. Hai que mergullarse en documentos da época, ler a Larra, ler a Galdós, encontrar os mapas de como era Madrid entón. E é un traballo bonito", explica Jorge.
"O cambio de rexistro, é verdade que da novela policial pasamos á novela histórica, nun thriller histórico, e ten as súas normas diferentes tes que ir dosificando os elementos históricos e reais coa ficción, e creo que se nos vai indo ben", asegura.
"Encantaríanos que houbese unha película"
Os tres autores proceden do mundo do audiovisual e din que estarían moi contentos de que a novela dese o salto á gran pantalla, "pero de momento traballamos na novela, e o que nos importa é a novela e que lle guste aos lectores. E despois podemos pensar na película. Claro que hai personaxes estupendos, e quen sabe se no futuro terán o seu spin-off, como se di agora", di Antonio.
Este martes están en Santiago, onte era Vigo a cidade que os acollía, nunha xira case interminable para promover a novela, sen case tempo para visitar ou coñecer onde espertan. "É complicado, hai que ter insomnio para poder visitar as cidades. Eles téñeno e erguéronse ás cinco da mañá para ver Santiago. E así imos quitando tempo para ver algo alá onde estamos", explica Agustín.
Paloma Sánchez-Garnica: "A miña vaidade literaria impediríame ceder as miñas ideas"
Canda os autores que hai detrás de Carmen Mola tamén está de xira Paloma Sánchez-Garnica, finalista do premio Planeta coa novela Últimos días en Berlín. Ela tamén di que non hai tempo para visitar ou coñecer as cidades nas que paran. "Eu non, porque eu non teño insomnio, pero vin moitas veces a Santiago e coñezo a cidade. Ademais teño ascendencia galega, por parte dos meus avós maternos, e para min Galicia é especial", asegura.
A escritora recoñece que para ela sería moi difícil compartir a autoría dunha obra como fixeron Agustín, Antonio e Jorge: "A min a miña vaidade literaria impediríame ceder as miñas ideas a outro. Eu traballo soa, métome nesa realidade paralela que me fascina, e logo aí está a miña editora que ten que facer un traballo psicolóxico para que con sutileza me suxire algún cambio, e eu diga ese cambio ten que ser".
A súa tamén é unha novela histórica. Máis recente no tempo, pero que tamén requiriu dun gran traballo de documentación: "É algo moi bonito porque vas atopando cousas que vas entendendo e logo mételas na historia", asegura.