Case douscentos animais mortos no incendio dunha nave porcina na Estrada

Calculan que o 80 % dos animais que acollía a nave pereceron no incendio

 

O lume propagouse pola cuberta da nave, situada na parroquia de Callobre
G24.gal 08/11/2023 14:09

O incendio declarouse nunha das naves dunha explotación porcina de Callobre, na Estrada. Aínda están por determinar as causas, pero o propietario sospeita que puido iniciarse cunha soldadura. Prendeu un plástico e apagárono con auga, pero cre que o lume puido reavivarse. 

"Regárono e marcharon traballar a outro lado pensando que estaba o tema resolto", explica José Tato. "Pero reavivou o lume e ardeu todo", engade.

Os primeiros en chegar foron os equipos de emerxencias da Estrada, e mobilizáronse tamén os bombeiros do parque de Silleda. Parece que o lume se propagou rapidamente pola cuberta da nave.

"O illamento de uralita está totalmente calcinado" di Francisco Valiñas, bombeiro de Silleda. Os danos esténdese ao "cableame eléctrico, os comedeiros e as conducións de auga".

Tratábase dunha das cortes para as nais, e a maioría das porcas pereceron no incendio. 

"Nesa nave debe de haber 250 porcas, e 200 delas preñadas, e machos de receo", conta Tato. Ardeu todo, "o 80 por cento dos animais deben de estar mortos, é unha perda moi grande", engade.

Os poucos que sobreviviron foron trasladados a outras naves da granxa. Aínda está por valorar o prognóstico das feridas. "Están afectados por queimaduras e por intoxicación de fume", explica Francisco Valiñas.

Non había traballadores na nave cando ardeu, e non hai danos persoais que lamentar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar