Publicador de contidos
Publicador de contidos

Case medio millón de euros para acabar coas humidades na Catedral de Lugo

Case medio millón de euros para acabar coas humidades na Catedral de Lugo

O prazo previsto é de seis meses e será preciso actuar sobre os espazos públicos e as canalizacións históricas existentes

Para mellorar a ventilación construiranse galerías intermedias entre o muro de peche das capelas e a galería correspondente do século XVIII

Imaxe de arquivo da Catedral de Santa María de Lugo Imaxe de arquivo da Catedral de Santa María de Lugo
G24.gal 03/09/2024 16:27

A Xunta de Galicia licitou por máis de 460.000 euros as obras para corrixir a entrada de humidades na cabeceira da catedral de Santa María de Lugo, unhas filtracións que afectan especialmente á capela da Virxe dos Ollos Grandes, patroa da capital lucense.

O prazo previsto de execución é de seis meses e, para levar a cabo esa intervención será necesario actuar sobre a Praza de Santa María e canalizacións históricas, precisamente para realizar drenaxes que resolvan os problemas de filtracións.

De feito, os estudos previos realizados para a intervención permitiron descubrir a existencia dunha das grandes cloacas de época romana na cidade, que discorre a máis de catro metros de profundidade polo claustro do templo en dirección a Porta de Santiago da Muralla.

Segundo informou a propia Xunta de Galicia, esa cloaca “segue funcionando na actualidade como sistema de saneamento, tras case 2000 anos de existencia”.

Os técnicos encargados deses estudos previos analizaron en detalle a relación desta cloaca romana coa canle do século XVIII que rodea a cabeceira do templo baixo a Praza de Santa María, onde tamén se atopa o Palacio Episcopal.

Determinaron que se ve interrompida xusto debaixo dun cruceiro que pode verse na citada praza, moi preto dos muros do templo, polo que concluíron que “é necesario actuar sobre os espazos públicos que circundan a cabeceira da catedral e sobre esas canalizacións para poder eliminar as humidades que existen na capela da Virxe dos Ollos Grandes”, informa a Xunta de Galicia.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recoñece a necesidade destas actuacións, que están cofinanciadas pola Unión Europea nun 60 % no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027. A entidade considera que é preciso para frear o proceso de deterioración e corrixir as patoloxías detectadas que poñen en risco a conservación deste Ben de Interese Cultural, declarado Monumento Histórico-Artístico e que está incluído na Declaración de Patrimonio da Humanidade do Camiño Primitivo por parte da Unesco.

En concreto, os técnicos detectaron a presenza xeneralizada de humidades en todos os muros exteriores das capelas da ábsida e na da Virxe dos Ollos Grandes, ademais de falta de morteiros nas xuntas.

Apareceron tamén manchas de filtracións e colonización vexetal en xuntas e gretas, ademais de documentar a degradación de elementos pétreos que están a afectar ao uso cotián do espazo.

Para resolver estes problemas, construiranse galerías paralelas intermedias entre o muro de peche das capelas e a galería correspondente do século XVIII, con obxecto de mellorar a ventilación.

Ademais, restauraranse as canalizacións históricas existentes baixo a rasante da praza, á vez que se realizan correccións dos derrubamentos que bloquean a evacuación da auga, producindo acumulacións que afectan o interior da cabeceira.

Finalmente, actuarase sobre a fachada e nos encontros coa cuberta para evitar a entrada de auga por filtración.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade