Case medio millón de galegos de entre 65 e 79 anos, invitados a participar no estudo da vacina antigripal de alta carga
Case medio millón de galegos de entre 65 e 79 anos, invitados a participar no estudo da vacina antigripal de alta carga
Case medio millón de galegos de entre 65 e 79 anos, invitados a participar no estudo da vacina antigripal de alta carga
O Sergas espera que de entre ese colectivo unhas 70.000 persoas se animen a poñer a vacina reforzada
O ensaio clínico GalFlu pretende ver se esa que xa levan os maiores de 80 anos sería tamén máis efectiva para o grupo da idade anterior
As autoridades sanitarias animan á vacinación e din que a gripe este ano pode ser dura
Xa están a ser convocados para vacinarse nos grandes recintos os galegos de entre 79 e 65 anos, empezando polos de máis idade. E son precisamente os dese grupo os que van ser invitados por SMS a participar na segunda fase do GalFLu, que comeza hoxe.
O estudo, que xa tivo case 60.000 participantes o ano pasado, trata de ver se a vacina reforzada dos maiores de 80 reduce tamén taxas de mortalidade e hospitalización no seguinte grupo de idade.
"Queremos contribuír a responder a esa pregunta para nós, pero tamén para o resto do mundo. A razón tamén ten que ver con que a vacina reforzada é máis cara que a convencional", dixo Federico Martinón Torres, o responsable desta investigación en que participa o IDIS e a Dirección Xeral de Saúde Pública.
"Cos datos que obteñamos cando rematemos este estudo, entón xa seremos quen de discernir se realmente esta vacina habería que ampliala a outos grupos de idade", engadiu Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública
A participación é voluntaria e nos 14 recintos hai informantes e investigadores de GalFlu, un estudo do que o ano que vén coñeceremos os resultados.
"Sen dúbida, a investigación sanitaria é unha liña prioritaria para nós, e así o acreditan os orzamentos", declarou Antonio Gómez Caamaño, o conselleiro de Sanidade.
Neste momento en Galicia hai xa 50 persoas hospitalizadas con gripe. O pico, que as autoridades sanitarias esperan agudo e longo, está previsto para finais de decembro.