Case tantos modos de votar como estados membros
Case tantos modos de votar como estados membros
A falta dunha lei electoral europea deixa a cada país a regulación dos comicios
Distintos métodos de votación, horarios, idades, circunscricións ou sistema de listas
Aquí aínda estamos en campaña, pero para o 4 % dos votantes europeos as eleccións xa remataron. Son os dos Países Baixos, que votaron onte.
En Irlanda as urnas pechan nuns minutos e na República Checa están abertas desde unha hora tan rara como as dúas e media da tarde. Alí as eleccións duran dous días, igual que en Italia.
Os que máis facilidades teñen son os estonianos: levan votando desde o luns grazas a que son os únicos que permiten o sufraxio por Internet.
Non hai 27 modos de votar, pero case. Máis exemplos: en catro países, Luxemburgo, Bulgaria, Bélxica e Grecia o voto é obrigatorio. No país heleno, fano desde os 17 anos. Noutros catro estados a maioría de idade electoral son os 16.
Curiosamente, e pese a seren eleccións europeas, os checos, os malteses, os eslovacos e os irlandeses non poden votar desde fóra das súas fronteiras. E os italianos e os búlgaros só se o fan desde outro estado membro.
A falta dunha lei electoral europea provoca tamén que nalgúns países como España se voten listas pechadas, e que noutros, como Alemaña, se poidan combinar candidatos de distintos partidos.
Nestes comicios eliximos 720 eurodeputados, 31 menos que hai 5 anos. A marcha do Reino Unido deixou o Europarlamento sen 73 escanos. Algúns deles desapareceron e outros repartíronse entre o resto. Por exemplo, a España tocáronlle dous máis.
Os resultados coñecerémolos a última hora do domingo, ou máis ben a primeira do luns por culpa dos italianos. Alí decidiron que as urnas non pechen ata as once da noite.