Castela e León cambiará os protocolos antiaborto na liña que marca Vox
Castela e León cambiará os protocolos antiaborto na liña que marca Vox
As medidas de Vox: ofrecemento de escoitar o latexo do feto, facer unha cuarta ecografía no primeiro trimestre, a derivación a saúde mental e a realización de ecografías 4D
O conselleiro de Sanidade de Castela e León, Alejandro Vázquez (PP), anuncia cambios nos procedementos antiaborto que se seguen na comunidade.
Faino seguindo a proposta de Vox e contradicindo as declaracións das últimas horas do seu departamento, en que se dicía que a atención ás embarazadas vai seguir "igual".
O vicepresidente da Junta, Juan García-Gallardo (Vox), anunciou este xoves un novo protocolo que inclúe o ofrecemento á muller de escoitar o latexo do feto, facer unha cuarta ecografía no primeiro trimestre, a derivación a saúde mental dende a consulta de xinecoloxía e a realización de ecografías 4D
Sobre estas medidas, o conselleiro de Sanidade dixo que se ofrecerán ás mulleres que o requiran, pero que non serán obrigatorias para as que non queiran facelas.
A vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero, avanzou este venres que o seu partido exercerá accións legais para evitar a coacción ou fustrigación por administracións ou persoas ás mulleres que queiran interromper un embarazo e que recorrerá os acordos nese sentido que tomen os gobernos autonómicos.
As clínicas abortivas consideran que as medidas impulsadas por Vox en Castela e León representan unha clara "coacción" contra as mulleres, que seguirán interrompendo voluntariamente embarazos non desexados, pero con maior sufrimento ao verse "sinaladas" e "culpabilizadas".
"O que queren é cernar un dereito, o que ten a muller para decidir, estigmatizala e aumentar o seu sufrimento cando se atopa ante un embarazo imprevisto", denuncia Francisca García, presidenta da Asociación de Clínicas Acreditadas para a Interrupción do Embarazo (ACAI).
A dirección nacional do PP intentou desmarcarse este venres deste protocolo de medidas antiabortistas.
A voz máis contundente dentro do PP chegou da man do portavoz do comité de campaña. Borja Sémper afirmou que o seu partido non está de acordo con a proposta de Vox sobre o aborto e advertiu de que non están dispostos "a tragar con calquera cousa".
Pero tamén pola mañá, a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, anunciaba a creación dun teléfono de información para mulleres embarazadas "a favor da vida e non en contra de ninguén".
O vicepresidente de Castela e León, Juan García -Gallardo, dixo que o protocolo se vai aplicar "inmediatamente".