Cativos de toda Galicia únense para cantarlle á Xeración Nós
Cativos de toda Galicia únense para cantarlle á Xeración Nós
350 cativos de conservatorios de toda Galicia cantaron en Ribadavia algúns dos versos máis famosos da Xeración Nós
Participaban na oitava edición do certame 'No bico, un cantar', organizado polo Consello da Cultura Galega para divulgar a nosa lingua da man da nosa música
O auditorio do castelo de Ribadavia foi o escenario desta ambiciosa posta en escena que aúna as voces de 350 cativos, de conservatorios e escolas de música de todo o país.
"Estivemos no Conservatorio, moitos días, ensaiando. Tiveron que vir profesores doutros conservatorios e escolas para axudarnos". "É unha convivencia con outros conservatorios, unha oportunidade para coñecer a xente, pasalo ben e disfrutar cantando e coa música, que é o noso", comentan Arán, de Xinzo, e Candela, de Ribadavia.
Viñan nerviosos e emocionados por compartiren a súa afección pola música e o canto.
"Vimos con moitas ganas de cantar, ensinarlle as nosas cancións ao público... Moi ilusionados, a verdade", di Marcos, de Narón.
Interpretaron poemas musicados de Álvaro de las Casas, Otero Pedrayo e Vicente Risco, como homenaxe á Xeración Nós pola sua achega á historia da literatura galega.
Maximino Zumalave, director do coro: "Creo que os rapaces hoxe dannos un exemplo a toda Galicia de como podemos facer moitas cousas xuntas, sen mirar a nosa aldea, a nosa vila, a nosa cidade. Todos somos Galicia e xuntos temos máis voz, máis forza e facer cousas que, por separado, non se poden facer".
É a oitava edición deste certame itinerante, promovido polo consello da Cultura Galega. A do ano que vén será en Rianxo, dedicada a Castelao no 75 aniversario do seu pasamento.