Familias e docentes preparan o inicio do curso cun descenso importante de alumnado
Familias e docentes preparan o inicio do curso cun descenso importante de alumnado
As etapas de infantil e primaria son as que maior descenso de estudantes presentan
O cambio de ciclo a secundaria xera incerteza na rapazada no comezo das clases
Última fin de semana de vacacións e xa cos preparativos da volta á escola. A preocupación dos cativos é fundamentalmente o cambio de curso, o novo profesorado e o reencontro cos amigos. Para as nais e pais o que pesa é a conciliación, volver organizar a rutina e que non baixen no rendemento académico.
O curso arrinca nos centros públicos galegos con menos alumnado, fundamentalmente nas etapas de infantil e primaria debido ao descenso da natalidade, aínda que xa se percibe tamén en secundaria, onde cae a matrícula en moitos centros.
"Este ano só en infantil e primaria temos menos de 4.000 alumnos pero imos ter máis profesorado. Vaise reforzar a atención á diversidade e as competencias chaves como matemáticas e lingua e vaise traballar para darlle ao alumnado as habilidades necesarias para desenvolverse no presente e no futuro", asegurou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Nestes últimos días de vacacións a maioría dos cativos xa teñen a cabeza posta no primeiro día de clase, que será para todos os niveis o mércores.
Ao final a preocupación dos máis de 307.850 alumnos que este ano estudan na escola pública, non é só académica. Hai nervios polos compañeiros de clase, por reencontrarse coa xente do curso pasado, polas novas materias e o profesorado.
O espazo de convivencia que son os patios e as aulas durante nove meses do ano significa tanto coma as aprendizaxes curriculares, polo menos a principio de curso.