Entre o amor e a virtude: catro décadas sen Ingrid Bergman
Entre o amor e a virtude: catro décadas sen Ingrid Bergman
Faleceu o mesmo día que facía 67 anos
A actriz conseguiu tres premios Óscar
Fai xusto corenta anos que o cine perdeu unha das súas iconas máis universais. Ingrid Bergman morreu o 29 de agosto de 1982, xusto no día en que facía 67 anos.
Cos seus papeis en Casabranca, Luz que Agoniza ou Xoana de Arco, a actriz de orixe sueca conquistou Hollywood e o mundo enteiro. Foi das poucas que conseguiu tres Óscar.
Ingrid Bergman naceu en Estocolmo un 29 de agosto de 1915. Dicía que era máis ela mesma cando era outra persoa, e quizais por iso dirixiu os seus pasos cara á interpretación dende ben nova. Dicía que actuar era a mellor medicina do mundo.
O seu primeiro grande éxito en Hollywwod chegoulle nos anos corenta dan man do director Michael Curtiz. El converteuna en Ilsa, a protagonista de Casabranca canda Humprey Bogart.
En apenas dous anos chegaron os primeiros galardóns como mellor actriz. Gañou o Óscar e o Globo de Ouro.
Canda a súa imparable carreira como actriz foi sonada a súa relación co director Roberto Rossellini. Corría o ano 1950 e daquela foi todo un escándalo, porque ambos estaban casados. Recibiron insultos, queixas no Senado dos Estados Unidos, e mesmo condenas do Vaticano.
Tal foi o balbordo que tiveron que casar por poderes. Ingrid pasou tres veces polo altar e dixo que abondaba, que non vía ningunha razón para o matrimonio unha vez mais.
Para o recordo queda a súa interpretación en Anastasia. Valeulle un novo premio da academia que recolleu o seu amigo Cary Grant. No 1974 recibiu o Globo de Ouro e o Óscar a mellor actriz de elenco por Asasinato no Orient Express.
Morreu un 29 de agosto o mesmo día que cumpría 67 anos. Lembran sempre que falaba cinco idiomas, que era natural, fermosa, con moita personalidade. Tamén que tiña un talento innato que deixou para a posteridade momentos inesquecibles da historia do cine.