Catro detidos en Vilagarcía de Arousa acusados de vender cocaína, heroína e haxix

Os axentes identificáronos e atoparon ocultas nas súas roupas varias doses de cocaína, un total de 9 gramos, 0,5 gramos de heroína e 20 gramos de haxix e arredor de 600 euros

Outro home foi detido en Vilagarcía de Arousa como sospeitoso, segundo os investigadores, de ser o responsable dun cultivo de marihuana con plantas de gran tamaño

G24.gal 17/11/2023 12:13

Catro persoas foron detidas en Vilagarcía de Arousa acusadas de vender heroína e cocaína a través de varios puntos de venda e distribución de droga en pleno centro da localidade. Os detidos foron interceptados pola Policía Nacional tras ser sorprendidos mentres levaban a cabo diferentes transaccións de droga con potenciais clientes.

Os axentes identificáronos e atoparon ocultas nas súas roupas varias doses de cocaína, un total de 9 gramos, 0,5 gramos de heroína e 20 gramos de haxix e arredor de 600 euros. Aos catro detidos investíganos por un delito contra a saúde pública. A un deles, que operaba na zona de lecer de Vilagarcía, a policía atopoulle dúas armas de fogo, unha arma branca e outros cinco gramos de cocaína no seu coche, polo que tamén será investigado por tenza ilícita de armas de fogo.

Outro delito por un cultivo de marihuana

Un home foi detido no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa como sospeitoso, segundo os investigadores, de ser o responsable dun cultivo de marihuana con plantas de gran tamaño, informa este venres a policía.

A plantación foi localizada en base a unha serie de queixas de veciños da zona e a investigación policial permitiu localizar a persoa encargada do cultivo e, supostamente, tamén de distribuír a droga. Os axentes incautáronse dun total de once plantas de marihuana dun peso total duns vinte quilos e arrestaron o individuo sospeitoso da autoría do cultivo e da distribución.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade