Caen os encargados de transportar motores para as narcolanchas do Estreito
Caen os encargados de transportar motores para as narcolanchas do Estreito
A Garda Civil detivo dúas persoas en Ourense, unha en Pontevedra e a cuarta en Málaga
Os investigadores dan por pechada a operación Vodka, que permitiu a desarticulación dunha rede galega que vendía planadoras a narcos do Estreito
A Garda Civil e Vixilancia Aduaneira dan por pechada a operación Vodka co arresto doutras catro persoas en Pontevedra, Ourense e Málaga. O grupo fornecía desde Galicia motores de alta cilindrada a organizacións dedicadas ao tráfico de droga no Estreito as que se atribúen aprehensións de máis de 4.000 quilos de cocaína e outros 4.000 de haxix.
As detencións practicáronse a mediados da semana pasada baixo a coordinación do xulgado de instrución número 2 de Ourense e o fiscal antidroga de Ourense. Dúas persoas foron arrestadas na provincia de Ourense, unha en Pontevedra e unha cuarta persoa foi detida en Málaga,
Súmanse aos seis detidos e cinco investigados nun amplo operativo policial desenvolvido a mediados de abril con rexistros en Ourense, Ribadumia e Portugal.
Os prendidos nesta última fase quedaron en liberdade tras prestar declaración no xulgado.
Fornecedores de motores para as narcolanchas
Esta segunda fase da operación Vodka estaba centrada na ramificación da rede que se encargaba do transporte por estrada dos motores e cascos para as lanchas que se usaban no Estreito para transportar droga e inmigrantes, así como dos membros secundarios da organización que se dedicaba ao lavado de diñeiro procedente destas actividades.
Estes últimos encargábanse da trama económica, societaria e bancaria para o branqueo de capitais e ofrecían cobertura para a financiar as operacións e adquirir o material náutico.
O modus operandi consistía no uso de empresas ficticias ou sen actividade para comprar motores, radares e fibra que, posteriormente, almacenaban nunha nave do norte de Portugal, onde se preparaban as lanchas para o seu traslado en camións até a zona do Estreito de Xibraltar.
Este catro detidos súmanse ao seis que foron arrestados na primeira fase do operativo, catro deles en Ourense e dous en Pontevedra. Tres deles quedaran xa en liberdade provisional.
Os investigadores, dirixidos polo xulgado de instrución número 2 de Ourense e o Fiscal Antidroga da provincia, conclúen que as narcolanchas facilitadas pola rede galega están vinculadas a alixos intervidos no Estreito de catro toneladas de cocaína e outras tantas de haxix.