Catro estranxeiros cóntannos por que elixiron Galicia para vivir
Catro estranxeiros cóntannos por que elixiron Galicia para vivir
Para o 2039, 1 de cada 5 galegos será nado no estranxeiro
A última proxección do Instituto Nacional de Estatística deixaba un dato: Galicia manterá a súa poboación actual ata o ano 2039. Pero daquela un de cada cinco habitantes serán nados no estranxeiro.
Hoxe algúns deses migrantes contáronnos por que elixiron Galicia para asentar o proxecto de vida.
Eithne Keane, por exemplo, aceptou en 2009 unha praza temporal de lectora na Universidade da Coruña
Explica que "ao principio vin por traballo pero despois coñecendo a xente, o estilo de vida, con moi boa calidade, por exemplo coa gastronomía, os cursos naturais...".
Esta irlandesa namorou dun galego e desta terra e buscou a estabilidade laboral e hai dous anos sacou a praza por inglés no IES Pontepedriña".
María Elda Pino é a xerente de Bórdalos. Saíu de Venezuela hai dúas décadas buscando, di, seguridade para os tres fillos pequenos. Conta que "en principio vin pensando que era por tres meses. E xa os meus fillos son grandes, son máis galegos e españois que venezolanos".
Os sogros eran galegos e ao chegar aprendeu un oficio. "Fixen un curso de deseño gráfico coas axudas que se daban para as familias e os emigrantes retornados". E coa axuda do Igape montou unha empresa de bordados nun garaxe. Hoxe ten máis de 1.000 clientes.
Unha viaxe e unha galega cambiáronlle a vida a Tomás hai 15 anos. El estudaba dereito no Perú, pero en Galicia puido formarse na súa verdadeira paixón, a cociña.
Tomás Rubio, cociñeiro do restaurante A Viaxe explica que "tiven a oportunidade de facer o ciclo. Era de balde, pensado para o sistema de adultos, pola noite mentres traballaba. A ver, un pouco esas facilidades que se teñen aquí"
Veu por amor e cumpriu un soño: "Aquí me tedes, co restaurante que abrín coa miña parella".
Masha Rashki estudou medicina en Santiago. Lonxe de Irán, o seu país de orixe, aquí encontrou o apoio na familia da súa compañeira de facultade. Di que lle "ofreceron apoio incondicional en todos os aspectos e para min eles foron fundamentais e moitos aspectos da miña vida".
Hoxe é adxunta en Medicina Nuclear no CHUS. Aquí casou cun alemán e aquí puido traer a súa irmá e os pais. Di que non imaxina outro fogar. E sentenza: "Aínda teño que xuntar os puntos para poder optar a unha praza fixa, pero eu non coñezo agora mesmo outro sitio onde queira estar".