Cazas rusos obrigan os Estados Unidos a derribar un dron no mar Negro
Cazas rusos obrigan os Estados Unidos a derribar un dron no mar Negro
Os avións rusos botaran combustible fronte ao dron "de xeito imprudente, pouco profesional e pouco ecolóxico", segundo as forzas dos EUA
Rusia nega todo contacto dos seus cazas co dron e culpa aos Estados Unidos do incidente
Os Estados Unidos informaron este martes de que unha manobra "insegura" e "non profesional" de dous cazas rusos obrigaron a derribar un dron estadounidense que estaba operando sobre o mar Negro.
Segundo precisou o mando europeo dos Estados Unidos nun comunicado, o seu dron estaba efectuando unha operación rutineira cando foi interceptado e golpeado por un caza ruso, o que levou as forzas estadounidenses a derribalo en augas internacionais.
O mando europeo dos Estados Unidos precisou que o caza ruso golpeara a hélice do seu dron e que varias veces antes desa colisión, os avións rusos lanzaron combustible fronte ao dron "de xeito imprudente, pouco profesional e pouco ecolóxico".
O xeneral James Hecker, comandante das Forzas Aéreas dos Estados Unidos en Europa e África, deixou claro que os Estados Unidos e os seus aliados "seguirán operando no espazo aéreo internacional" e pediulles aos rusos que actúen "con profesionalidade e seguridade".
Versión do exército ruso
Pola outra banda, o Ministerio de Defensa de Rusia negou este martes calquera contacto entre os seus cazas e o dron que os Estados Unidos tiveron que derribar en aguas internacionais.
"Como resultado dunha manobra brusca, o aparato non tripulado entrou nun voo incontrolado con perda de altura e colisionou contra a superficie da auga", sinala o comunicado ruso.
A nota oficial subliña que "o armamento a bordo dos cazas rusos non foi empregado" e que os seus avións "non entraron en contacto co aparato e regresaron sans e salvos ao seu aeródromo".
Os radares rusos detectaron ol dron estadounidense cerca da anexionada península ucraína de Crimea co transpondedor apagado. Defensa asegura que o dron violou a fronteira do espazo aéreo utilizado provisionalmente por Rusia no marco da súa "operación militar especial" en Ucraína. Por ese motivo, a aviación rusa viuse obrigada a enviar os seus cazas coa fin de identificar o infractor.