Celta Fortuna e Arenteiro foron a cara; Deportivo e Lugo, a cruz da Primeira Federación
O filial vigués acabou na segunda posición e o Arenteiro con sete puntos de marxe sobre o descenso
O Deportivo só estivo nunha xornada da primeira volta entre os cinco primeiros
O Lugo acaba nunha crise de resultados e a cinco puntos do play off
Celta Fortuna e Nástic protagonizaban o gran duelo da xornada. O filial celeste tiña ao alcance da man proclamarse campión de inverno en Barreiro fronte ao cuarto clasificado, pero acabou cedendo a primeira praza ante un gran rival, de feito, un dos tres menos goleados do grupo.
O Deportivo remata a primeira volta fóra dos postos de ascenso tras perder pola mínima na casa da Cultural Leonesa. As présas nunca son boas compañeiras e menos no caso do equipo coruñés. As ausencias se cadra condicionaron un encontro no que o deportivismo tiña postas moitas esperanzas pero no que en xeral se viu pouco fútbol.
Tampouco remata ben a primeira volta o Lugo que perdeu na casa do Tarazona por 1 a 0. O Lugo mudou de adestrador na procura de resultados e dunha reacción inmediata, pero tampouco están chegando da man de Paulo Alves. O equipo reclamou penalti na última xogada do encontro.
A única vitoria da xornada chegou da man do Arenteiro, que acaba esta primeira volta oitavo con 26 puntos tras derrotar o Barcelona Atlético por dous goles a cero. Os de Javi Rey fixeron un gran partido en Espiñedo.