Cen postos de traballo para 250 aspirantes
Cen postos de traballo para 250 aspirantes
A XV Feira de Emprego de Carballo ofrece oportunidades para parados menores de 30 anos
A Cámara da Comercio da Coruña dirixe este encontro aos mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
Os mozos, en paro, menores de 30 anos e que estean inscritos do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil son os destinatarios da Feira de Emprego que se desenvolve en Carballo ata o 30 de abril. Nela están presentes máis de cen empresas, coas súas ofertas de emprego ou de formación con prácticas remuneradas.
"Tentamos neste acto buscar unha eficiencia, poñer en relación a oferta e a demanda para que nunha mañá poidan conseguirse unha serie de 'matches'", explicou Manuel Galdo, director xeral da Cámara de Comercio da Coruña.
A XV Feira de Emprego está dirixida a menores de 30 anos que na maioría dos casos nin traballan nin estudan. "É para ofrecer oportunidades a todas as persoas que agora mesmo non estamos en nada e que buscamos poder iniciar a nosa traxectoria laboral", explica unha das asistentes.
Aínda que non todos buscan a súa primeira experiencia profesional. "Non hai continuidade despois das prácticas e a dificultade moitas veces é o segundo emprego máis ca o primeiro", relatan.
"Eu, por exemplo, traballei moitas veces, pero cousas moi temporais e ás veces sen contrato, porque é o que hai. Teño experiencia, pero eses traballos non me chegaban para ser independente, entón estou buscando unha oportunidade mellor aquí", engaden algúns dos asistentes.
Na feira teñen tamén obradoiros para aprender a facer un currículo ou saber como presentarse a unha entrevista de traballo.