Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector do percebe reclama respecto para os santuarios desta especie

O sector do percebe reclama respecto para os santuarios desta especie

Centos de persoas manifestáronse en San Caetano contra a apertura de nova zonas para extraer mexilla

Rosa Quintana pide diálogo con bateeiros e percebeiros para tentar chegar a "puntos de encontro"

G24.gal 15/04/2023 13:54 Última actualización 15/04/2023 16:37

Varios centos de percebeiros reclamaron en Santiago "respecto" para as zonas onde se atopa este marisco, auténticos "santuarios" para a especie, fronte á extracción da mexilla, a cría do mexillón.

Nun novo episodio do conflito que enfronta este colectivo co bateeiro, manifestáronse ante a sede da Xunta, en San Caetano, onde o xoves pasado unha mobilización do sector mexilloeiro desembocou nunha carga policial con dúas detencións e varias persoas lesionadas.

O presidente da Federación de Confrarías de Galicia, José Antonio Pérez Sieira, considera fundamental para a supervivencia do sector percebeiro establecer santuarios, que representan menos do 16 % da costa. Porén, argumenta, "sen esas pedras os bateeiros van seguir vivindo".

A protesta foi "pacífica", aínda que baixo unha forte vixilancia con ata seis furgonetas da Policía e multitude de axentes, "contra as chapuzas políticas no sector do mar", xa que o mes pasado se abriron zonas á extracción de mexilla que cren que deben estar reservadas para o percebe.

Anulación das últimas aperturas

Aínda que finalmente a Consellería do Mar anunciou a anulación das últimas aperturas de zonas de extracción desta cría por un erro de carácter técnico na tramitación, o conflito recruou.

Na lectura dun manifesto durante a protesta, Sieira demandou "estudos fiables e independentes" sobre as consecuencias da extracción da semente de mexillón nas rocas onde tamén se cría o percebe.

"Pedimos respecto e manifestámonos contra o descontrol e o mal facer", explicou, á vez que reclamou "seguridade xurídica" e "igualdade no control da extracción dos recursos" para as dúas partes enfrontadas neste conflito, que deben terse "respecto mutuo", concluíu.

Quintana pide diálogo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, pediu diálogo con bateeiros e percebeiros para "buscar unha solución que convenza os dous sectores" e tratar de chegar a "puntos de encontro".

"Creo que as posturas enfrontadas non resolven nada, todo o contrario. Temos que pensar entre todos, non só polo presente, senón polo seu futuro. Por tanto, animo ás dúas partes, a representantes de bateeiros e percebeiros, a que veñan á Xunta, que sentemos, que dialoguemos e que busquemos ese punto de encontro", sinalou en declaracións aos medios nun acto en Vilamartín de Valdeorras.

Recoñeceu que a situación "non está acougada" e asegurou que está "tremendamente triste" e "preocupada" polas "imaxes que se puideron ver o xoves", cando se produciu a carga policial. A titular do Mar cre que esa "non é a fórmula" para resolver os problemas.

"Levo 35 anos na Consellería, téñolle moitísimo agarimo a este sector e todos saben que o despacho e a miña mesa están abertos para sentar as horas que fagan falta, para dentro do consenso e o diálogo buscar unha solución que convenza aos dous sectores", insistiu.

Segundo dixo, os cambios lexislativos "son difíciles de entender". Neste sentido, lembrou que "non hai suficiente abundancia do recurso" e o sector bateeiro ten "dificultades". Por iso, defendeu buscar alternativas "á única produción natural da mexilla".

"Tamén hai que falar coas confrarías para que entendan a necesidade que teñen, mentres non busquemos outra solución de acceder ás pedras para atopar ese recurso para desenvolver o seu cultivo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade