Cepesca pide que os barcos españois se beneficien do desconto de 20 céntimos nas recargas no exterior
Cepesca pide que os barcos españois se beneficien do desconto de 20 céntimos nas recargas no exterior
Cepesca pide que os barcos españois se beneficien do desconto de 20 céntimos nas recargas no exterior
Reclama ademais que a bonificación se aplique con carácter retroactivo desde o 1 de abril
Estima que os gastos en gasóleo para a frota de altura incrementáronse nun 400 por cento en pouco meses
O secretario xeral da Confederación Española de Pesca (Cepesca) reclamou na Radio Galega que a rebaixa dos 20 céntimos no combustible que entrou en vigor o mes pasado se lle aplique tamén á frota de altura que pesca fóra de España.
Javier Garat explicou nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana que van presentar unha emenda ao proxecto de lei de axudas ao gasóleo para pedir, non só que se inclúa esta frota, senón que "o desconto se aplique con carácter retroactivo dende o 1 de abril".
Garat considera que a Axencia Tributaria está facendo unha interpretación restritiva da medida do Goberno e lembra que mesmo o Ministerio de Pesca está a favor da súa demanda, que os barcos que cargan combustible en portos estranxeiros teñan o desconto de 20 céntimos. Neste senso argumentou que fóra de España o prezo do gasóleo está aínda máis caro que aquí.
"En países como o Uruguai ou Ecuador o gasóleo está arredor de 1,30 euros o litro".
O dirixente de Cepesca precisou que nos últimos meses os gastos en gasóleo para a frota de altura incrementáronse nun 400 por cento, polo que hai moitos barcos que están saíndo a pescar practicamente a perdas, sen cubrir os custos de explotación. Unha situación que, -apunta- "fai que moitos barcos estuden se parar a súa actividade porque non poden saír a perder cartos".
Javier Garat tamén se referiu á recente constitución da Asociación de Organizacións de Produtores Pesca España, da que forma parte Cepesca e varias entidades galegas. Sinalou que nace cun obxectivo dobre.
Dunha banda, "promover o consumo de peixe, que está descendendo nos últimos anos e que implica un empeoramento da saúde xeral da poboación, e o incremento dos custos sanitarios". E, por outro lado, "dar a coñecer a realidade do sector pesqueiro en España, todo o conglomerado socio-económico ligado á actividade dos barcos, que segue sendo moi descoñecida no noso país".