Cesan os responsables de Turgalicia, Igualdade e Discapacidade da Xunta
Cesan os responsables de Turgalicia, Igualdade e Discapacidade da Xunta
Todos estes cesamentos son a petición propia para asumir outros cargos
A Xunta de Galicia cesou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que todos estes cesamentos son a petición propia.
Tanto López Abella como González Abeijón pasarán a ser deputados no Parlamento galego, tras a marcha onte de catro parlamentarios do PPdeG para asumir os seus cargos como alcaldes, mentres que no caso de Castro está pendente ela mesma de alcanzar a alcaldía de Ponteareas.
A estes cesamentos súmanse os dos delegados da Xunta en Pontevedra, Luís López, que está chamado a ser o presidente da Deputación Provincial; e en Vigo, Marta Fernández Tapias, que foi candidata do PPdeG nesa cidade nas eleccións municipais.
A todos eles agradeceulles o labor desenvolvido e desexoulles a mellor das sortes.
Ademais, anunciou Rueda o nomeamento de Agustín Reguera Ocampo, quen foi moitas lexislaturas alcalde de Soutomaior, como novo delegado en Pontevedra; e Ana Ortiz Álvarez, secretaria territorial da Xunta en Vigo, como nova delegada nesa cidade.