Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chaman a doar sangue os grupos 0+ e A+, en niveis baixos de reservas

Chaman a doar sangue os grupos 0+ e A+, en niveis baixos de reservas

Os hospitais galegos precisan cada día unhas 500 doazóns de sangue para poder afrontar as súas intervencións habituais

Imaxe do interior da unidade móbil de doazón de sangue este martes na Bandeira, Silleda
G24.gal 07/06/2023 13:06

As unidades móbiles da Axencia de Doazón e os puntos localizados nas sete cidades para a recollida de sangue acollen cada día persoas que cunha acción axudan a salvar vidas.

Encontramos nunha delas tres doadoras comprometidas. Unha, ao seu pesar, ten que aprazar o propósito altruísta. "A ver, hai que doar sangue porque é preciso axudar a quen o necesita. Non da ningún traballo, sempre que se poida, que eu hoxe non podo doar porque teño unha urticaria", di unha doadora.

As necesidades hospitalarias en Galicia requiren ao redor de 500 doazóns de sangue cada día. E as reservas, resentíronse nas últimas semanas: "Está baixando o A positivo, o 0 positivo e o 0 negativo. Os tres están en niveis máis baixos. Fago unha chamada á poboación para que, se pode, se achegue a doar aos nosos locais ou ás unidades móbiles", explica José María Vázquez, xefe de sección de doazón e xestión de colectas de Ados.

Elena é doadora habitual e tanto lle dá nun sitio coma noutro. Esta mañá acudiu á unidade móbil na Bandeira: "Eu si que veño, cada vez que veñen aquí ou onde me atopo; doo no Hospital Clínico, outras veces en Silleda. Hai que axudar a xente", di.

Como todas as persoas que doan sangue, estas animan a que o fagan quen aínda non ten moi claro dar ese paso: "Eu son doador habitual", di Juan, "e sempre que podo adoito achegarme para doar, onde estea o autobús. Se alguén o está a pensar, que veña. Isto son vinte minutos e non custa nada". Elena conclúe: "O que poida, que se anime e que veña doar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade