Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chantada celebra este sábado o Folión dos Carros

Chantada celebra este sábado o Folión dos Carros

É unha tradición que se remonta á Idade Media, en que as carrozas seguen sendo tiradas por xugadas de bois

Co paso dos anos os carros tradicionais foron dando paso a auténticas casas rodantes en que as cuadrillas traballan durante meses

G24.gal 25/08/2023 14:36

As rúas de Chantada xa están engalanadas para recibir mañá o Folión dos Carros. De momento o traballo concéntrase no mercado gandeiro da vila luguesa, onde as distintas peñas están a ultimar os detalles dos carros que desfilarán este ano.

Como indica Manuel José Vázquez Regal, presidente da Asociación Amigos do Folión, "haberá unha totalidade de 14 carros, un número amplo ao lado dos que houbo nos últimos anos.

Celebrarase o sábado 26 a partir das once da noite pola vila de Chantada, independentemente de que xa estarán expostos no punto de partida desde as catro da tarde.

Uns carros que sorprenden polas súas dimensións e que ademais corresponden cada un a un oficio. Como explica Xabier Viana, membro da Asociación Amigos do Folión, "o que representamos neste Folión de Carros son escenas de antigo, a vida social antiga, tanto asociadas ao campo como nos últimos anos a cuadrillas que representan, fan alegorías de cousas da vila, de comercios ou de diferentes celebracións".

As cuadrillas botan meses traballando para lucirse na noite do Folión: "Aquí fan un traballo moi grande porque xa levan dous ou tres meses traballando, veñen todos os días e traballan sen parar, as veces non cean por facer a carroza", cóntanos unha veciña. "Xa antes, xa durante o inverno, xúntanse para falar de cal é o motivo que van representar, como van construír a estrutura, que apeiros van levar...", di Xabier.

Estas estruturas, malia ao seu tamaño de 3,90 metros de ancho por 4,50 metros de alto, seguen a ser tiradas por xugadas de bois e de vacas ao xeito tradicional.

Como explica Manuel José Vázquez Regal, o presidente da Asociación Amigos do Folión, "o máis simbólico disto non é o carro e a plataforma, senón que é a tracción animal. A tracción animal seguímola mantendo a pesar das dificultades que hai, e cada vez máis, pero é unha homenaxe que facemos aos gandeiros e á nosa orixe toda".

O Folión de Carros é unha tradición que se remota ata a Idade Media e da que se poderá gozar un ano máis mañá sábado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar