Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia recibe as primeiras unidades de Paxlovid no día do cambio de fase da covid-19

Galicia recibe as primeiras unidades de Paxlovid no día do cambio de fase da covid-19

Galicia recibirá este trimestre 3.000 unidades deste antiviral que reduce o risco de desenvolver enfermidade grave 

Esta mesma semana chegarán 1.772 tratamentos monoclonais para persoas co sistema inmume comprometido

G24.gal 28/03/2022 14:31

Esta mañá presentaban no Sergas o protocolo para o uso do Paxlovid, posto que os tratamentos son limitados e deben administrarse baixo prescrición facultativa.

Como no caso das vacinas, o Paxlovid, o tratamento de Pfizer, será distribuído a medida da chegada de xeito proporcional entre comunidades autónomas. Teremos 3.000 unidades este trimestre e máis de 20.000 ao remate do ano.

"É un fármaco que ten moitas interaccións con outros medicamentos e que require dun estudo renal previo pra adaptar a dose", advertiu Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria.

O medicamento pódeno administrar con receita e informe médico en Atención Primaria cando o paciente presente algún dos seguintes factores de risco: que sexa unha persoa non vacinada de máis de 80 anos, que sexa unha persoa non vacinada maior de 65 e que presente polo menos un factor de risco ou que sexa unha persoa inmunodeprimida, independentemente do seu estado de vacinación", explicou o Conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña.

Xa nos hospitais, oncólogos, pneumólogos ou infectólogos poderán receitar aos seus pacientes outro medicamente, o EvusHeld. Neste caso é de AstraZeneca, vía intramuscular e previo á infección. Son as denominadas terapias monoclonais, que preparan o sistema inmune das persoas que non puideron ser vacinadas ou non responderon ben ás vacinas.

"Van ser 1.772 doses totais e é posible que cheguen esta semana", explicou a directora xeral de Saúde Pública Carmen Durán.

Foi nunha conferencia de prensa que tivo certo aire de fin de etapa, porque este medicamento chega a Galicia precisamente o día en que se pon fin ao illamento obrigatorio dos infectados leves ou asintomáticos, que xa poderán saír á rúa con máscara para realizar actividades esenciais. 

O conselleiro apuntou que as datas próximas á Semana Santa poderían ser favorables para a fin de máscara en interiores, aínda que hai que facelo con prudencia porque prognosticou que os casos poden seguir subindo.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade