Chegan á terceira edición as bolsas Galicia-Fulbright para estudos artísticos nos EUA
Chegan á terceira edición as bolsas Galicia-Fulbright para estudos artísticos nos EUA
As bolsas pódense solicitar ata o 12 de xaneiro de 2023
62 premios Nobel foron bolseiros nas últimas décadas
As bolsas que conceden a Comisión Fulbright e a Xunta de Galicia están destinadas a quen queira ampliar nos Estados Unidos os seus estudos ou proxectos artísticos. Para falar do prestixio destas axudas abonda con mencionar que 62 premios Nobel de varios países foron bolseiros de Fulbright,
O programa Fulbright naceu hai case 80 anos para favorecer o intercambio e a comprensión entre nacións. Dende 1958, beneficiou a case 6.000 españois.
Este ano manteñen as bolsas para artistas en colaboración co Ministerio de Cultura, con cinco prazas, e tamén repiten coas bolsas en colaboración directa con Galicia, que chegan á súa terceira edición con outras cinco prazas.
Na presentación desta terceira promoción atopamos a Alicia, de 26 anos. É bolseira da segunda convocatoria. Declárase emocionada porque marcha en dúas semanas aos Ánxeles para continuar alá durante seis meses o seu proxecto como pianista para crecer como artista e logo volver a Galicia traendo con todo o aprendido fóra.
"Finalmente quero crear unha escola de música que sexa innovadora, con todas as fusións aprendidas estes anos e mellorar a calidade do ensino musical en Galicia", di a bolseira, Alicia.
Tamén atopamos a Germán. Ten 24 anos. Investigou o patrimonio literario galego nos Estados Unidos. Regresou hai un ano e di estar explorando as saídas que se lle ofrecen, que asegura son moitas despois da experiencia vivida.
"Cando a xente ve Fulbright no teu currículum ábrenche máis portas", di o bolseiro, Germán.
As bolsas desta edición desde Galicia pódense pedir ata o 12 de xaneiro.