A China lanza con éxito unha nova nave tripulada cara á súa estación espacial
A China lanza con éxito unha nova nave tripulada cara á súa estación espacial
Os tres astronautas que viaxan a bordo traballarán no remate da estrutura
A nave chinesa Shenzhou-14 engalou este domingo con éxito ás 10:44 horas (2:44 GMT), con tres astronautas a bordo, en dirección á estación espacial Tiangong para terminar de construíla.
A nave partiu á hora prevista desde o centro de lanzamento de satélites de Jiuqian, no noroeste do país, a través do foguete portador Longa Marcha-2 F, segundo as imaxes retransmitidas en directo pola televisión estatal CGTN.
Unha vez entre en órbita, a nave deberá axustarse ao módulo central Tianhe, de 18 metros de lonxitude, e ás naves de aprovisionamento Tianzhou-3 e Tianzhou-4 para que os astronautas terminen de construír a estación Tiangong, que o país asiático prevé ter lista para finais deste ano.
Os responsables da misión espacial anunciaron, momentos despois da engalaxe e de que os paneis solares se despregaran correctamente, que o lanzamento fora un "éxito total".
Os astronautas a bordo, Chen Dong, Liu Yang e Cai Xuzhe, permanecerán en órbita seis meses ensamblando a súa estrutura básica de tres módulos, o central Tianhe e os de laboratorios Wentian e Mengtian.
No mes de abril a súa antecesora, a Shenzhou-13, aterrou no deserto do Gobi tras completar as súas operacións na Tiangong, onde tres astronautas permaneceron 183 días na misión tripulada máis longa levada a cabo pola China ata entón.
Aquela foi, ademais, a segunda misión tripulada que enviaba a China á súa estación espacial. Daquela, os astronautas concluíron varias tarefas para avanzar na preparación da estación espacial chinesa, incluíndo dous paseos espaciais, máis de vinte experimentos científicos e a recolección de datos.
Remate en 2022
Está previsto que os astronautas da Shenzhou-14 e da Shenzhou-15 conclúan definitivamente os traballos de construción da Tiangong, que debería estar remada para finais de 2022, segundo os plans orixinais.
Prevese que a tripulación da Shenzhou-15 realice na próxima misión actividades extravehiculares ademais de ensamblar, probar e depurar cargas dentro dos módulos.
A estación espacial Tiangong, "palacio celestial" en mandarín, pesará unhas 70 toneladas e agárdase que funcione durante uns 15 anos orbitando a uns 400 quilómetros da superficie terrestre.