A China recollerá mostras da cara oculta da Lúa
A China recollerá mostras da cara oculta da Lúa
A sonda Chang'e 5 viaxou en 2020 ao satélite, de onde recolleu 1.731 gramos de mostras de terreo
A futura misión espacial chinesa Chang'e-6 recollerá mostras da superficie da cara oculta da Lúa, no que será "a primeira misión do seu tipo na historia da humanidade", segundo explicaron responsables do programa espacial do país asiático.
As Chang'e 6, 7 e 8 formarán parte da "cuarta fase" da exploración lunar do país asiático, apuntou o director do programa de exploración lunar chinés, Wu Weiren, citado pola axencia estatal Xinhua.
A 7 terá como obxectivo aluar no polo sur do noso satélite, onde buscará auga, mentres que a 8 inspeccionará os materiais na devandita rexión.
En conxunto, as tres sondas "formarán o modelo básico dunha estación de investigación na Lúa", que se espera que estea completa "antes de 2028", aseverou o científico, que agregou que os expertos están "a traballar duro para promover o establecemento da Estación Internacional de Investigación Lunar (EIIL) coa cooperación doutros países" e que espera "establecer unha organización internacional" tras a súa posta en marcha.
Na EIIL colaboran as axencias espaciais chinesa e rusa.
A sonda lunar chinesa máis recente, a Chang'e 5, viaxou en 2020 ao satélite, de onde recolleu 1.731 gramos de mostras de terreo.
O programa Chang'e, bautizado así en honra a unha deusa que segundo as lendas chinesas vive na Lúa, comezou co lanzamento dunha primeira sonda en 2007.