A China responde a Trump con aranceis do 84 % sobre as importacións dos EUA
O Goberno chinés afirma que responder á "coerción" económica dos EUA é necesario para "protexer os intereses lexítimos" do país e para "defender a equidade internacional e o sistema multilateral de comercio"
O ministro de Exteriores, Lian Jian, afirmou que non queren unha guerra comercial pero que tampouco a temen
O país engade 12 empresas estadounidenses á súa lista de control de exportacións

Os novos aranceis do 84 % anunciados pola China sobre as importancias de mercadorías estadounidenses entran en vigor este xoves como resposta aos aranceis adicionais recíprocos impostos polos Estados Unidos ao xigante asiático.
O Goberno chinés afirmou este xoves que responder á "coerción" económica de Estados Unidos "non só é necesario para protexer os intereses lexítimos da China, senón tamén para defender a equidade internacional e o sistema multilateral de comercio".
A partir deste xoves o país asiático axusta as medidas de aumento arancelario sobre as mercadorías importadas orixinarias dos Estados Unidos, elevando do 34 % ao 84 % o gravame. Mentres, o Ministerio de Finanzas da China instou os Estados Unidos a corrixiren de inmediato as súas prácticas erróneas, cancelar todas as medidas arancelarias unilaterais contra A China e resolver adecuadamente as diferenzas a través dun diálogo igualitario sobre a base do respecto mutuo.
No denominado Día da Liberación polo presidente dos EUA, anunciábase a imposición de aranceis recíprocos do 34 % sobre as importacións procedentes da China, un gravame adicional ás tarifas do 20 % anunciadas anteriormente. Isto supoñía entón un gravame do 54 % para os produtos chineses.
Despois de que Pequín decidira responder a este movemento de Washington elevando a tarifa adicional sobre os produtos estadounidenses tamén ao 34 %, o inquilino da Casa Branca engadiu outro 50 % adicional ao gravame aplicable ás importacións chinesas, que alcanzaba entón un 104 %, incluíndo unha taxa do 84 % en concepto de arancel recíproco.
Pequín respondeu elevando tamén ao 84 % as tarifas sobre a mercadoría estadounidense. Mentres, Trump volvía elevar os arenceis á China ata o 125 % e acusou o país de faltar ao respecto aos mercados.
"Baseándome na falta de respecto que A China mostrou aos mercados mundiais, pola presente elevo o arancel cobrado á China polos Estados Unidos de América ao 125 % con efecto inmediato. Nalgún momento, esperemos que nun futuro próximo, A China darase conta de que os días para estafar os EUA e outros países xa non son sostibles ou aceptables", asegurou Trump.
Pola súa banda, o executivo chinés acusa aos EUA de "guiarse por intereses egoístas" e "converter os aranceis nunha arma de presión máxima para obter beneficios unilaterais". Un portavoz do Ministerio de Comercio da China confirmou que o seu país demandou os Estados Unidos baixo o mecanismo de solución de diferenzas da OMC polos aumentos arancelarios.
"As medidas arancelarias estadounidenses violaron gravemente as normas da OMC", asegurou o funcionario chinés cando os EUA subiron ao 104 % os aranceis.
A China responde activando máis medidas
O Ministro de Exteriores, Lin Jian, advertía este xoves de que "a presión, as ameazas e o chantaxe non son o camiño para relacionarse coa China". Reiterou que non queren unha guerra comercial pero tampouco a temen e que "loitarán ata o final" se os EUA insiste en escalar o conflito.
“Se os EUA queren dialogar, debe facelo con respecto, igualdade e beneficios mutuos. Se opta por continuar o camiño dos aranceis, a China está lista para resistir", engadiu.
Ademais de elevar os aranceis adicionais ás importacións desde os EUA, o Ministerio de Comercio chinés incluirá doce empresas estadounidenses na súa lista de control de exportacións.
En concreto, as empresas afectadas son American Photonics, Novotech, Echodyne, Marvin Engineering Company, Exovera, Teledyne Brown Engineering, BRINC Drons, SYNEXXUS, Firestorm Labs, Kratos Unmanned Aerial Systems, Domo Tactical Communications e Insitu.
O ministerio chinés asegurou que a medida, que será efectiva desde este xoves, pretende salvagardar a seguridade e os intereses da China.
Así mesmo, para protexer a soberanía nacional, a seguridade e os intereses da República Popular China, o Ministerio chinés decidiu incluír ás empresas estadounidenses Shield AI, Sierra Nevada Corporation, Cyberlux Corporation, Edge Autonomy Operations Group W e Hudson Technologies na Lista de Entidades non Confiables.