Unha avaría volve interromper o tráfico ferroviario nas comarcas de Ferrol e Ortegal
É a segunda avaría que se produce durante este luns
Adif habilitou transporte por estrada para os viaxeiros afectados

A circulación ferroviaria na liña de ancho métrico entre Ferrol e Ortigueira quedou suspendida por segunda vez este luns, 14 de abril, debido a unha nova avaría rexistrada entre o barrio naronés de Xuvia e o municipio de San Sadurniño.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) anunciou a paralización provisional do servizo durante a tarde.
Pola mañá, pouco despois das nove, Adif informara da resolución dunha primeira avaría nun tren de proximidades entre Ferrol e Ortigueira, que obrigara a interromper temporalmente os traxectos entre a cidade naval e o barrio de Xuvia, na parroquia de Piñeiros (Narón).
Alternativa por estrada para garantir a mobilidade
Durante a primeira incidencia, estableceuse un plan de transporte alternativo por estrada para garantir a mobilidade dos pasaxeiros que usan habitualmente esta liña, pertencente á antiga FEVE.
Adif non concretou, polo momento, cando se restablecerá a circulación con normalidade.