Usar un paraugas para estar na misa; a chuvia cóase dentro da igrexa de Entrimo

Os veciños de Entrimo teñen media igrexa, declarada Ben de Interese Cultural, inutilizada por mor das pingueiras

Nun dos concellos máis chuviosos de Galicia, a auga fíltrase desde o tellado ata as paredes e estraga alfombras, retablos e ata a pedra

G24.gal 22/11/2023 14:13

A impoñente igrexa de Santa María a Real está en Entrimo, o concello máis chuvioso da provincia de Ourense: 444 litros por metro cadrado caeron en só dúas semanas de novembro.

"A imaxe fala por si soa: temos que poñer plásticos, baleirar caldeiros de auga...", sinala unha veciña.

Desde hai uns 3 anos, a chuvia empezou a filtrarse ao interior. Primeiro polo cimborrio e agora, din, xa chove á feito. "Pola cúpula, pola lanterna, polo frontal... Por case toda a igrexa", aclara outro veciño.

Tiveron que quitar as alfombras e substituílas por plásticos e caldeiros. "Cada vez quitamos máis caldeiros e acabamos por poñer plásticos por riba dos bancos, porque a xente xa tiña que usar un paraugas para estar na misa", di unha freguesa.

Leva máis dunha semana sen caer unha pinga, pero nalgunhas zonas, como a torre do campanario, segue chorreando.

"Na parte da ventá, incluso, case temos un xardín. Entra tanta auga que empezan a crecer herbas dentro da igrexa", lamenta Ramiro López, párroco de Entrimo.

Unha das preocupacións que teñen os veciños e mailo párroco é que a humidade deteriore os pintorescos retablos que adornan o altar central e os laterais da igrexa. Hai que lembrar que se trata dun templo declarado Ben de Interese Cultural polo seu valor artístico.

O orzamento que se presupostara inicialmente para a reparación xa quedou obsoleto e os veciños temen que se sigan atrasando as obras, que precisan o visto e prace de Patrimonio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade