Chove no interior da igrexa monfortina da Compañía
Chove no interior da igrexa monfortina da Compañía
A auga que cae da cúpula obriga a cubrir con plásticos os bancos de madeira
A auga caía no interior da igrexa da colexiata de Monforte coa chuvia dos últimos días. O problema de goteiras que arrastraba o templo foise agravando ata chegar ao extremo de ter que cubrir con plásticos os bancos de madeira.
Pero ademais de pingas, tamén estivo a caer unha area fina procedente das pedras da cúpula, onde xa había unhas pequenas aberturas que se foron agrandando.
"Cada vez chove máis. Tamén cae moita areíña, que fai que se filtre máis auga e arrastre máis area. Esta semana foi horrible e estivemos pensando en pechar a igrexa por seguridade", explica Pablo Blanco, da Fundación A Nosa Señora da Antiga.
O conxunto da Nosa Señora da Antiga de Monforte, de estilo herreriano e erguido no século XVII, está declarado ben de interese cultural dende hai dous anos.
Ante os problemas que está a haber no templo, co fin de lles buscar unha solución dende Patrimonio anunciaron que van enviar técnicos para revisar o estado da cúpula.
"Despois de ser declarado BIC fíxose unha intervención moi importante, e daquela xa viron que a cúpula se estaba deteriorando. Estamos á espera de que a Consellería se poña en contacto con nós e veña un técnico", asegura Blanco.
Ademais de filtracións na cúpula, dende a Fundación A Nosa Señora da Antiga sinalan que tamén hai pingueiras en toda a cuberta da bóveda da igrexa da Compañía.