Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ciclo de baixada nos tipos de xuro? E debate sobre a redución da xornada laboral en España, por Maite Cancelo

OPINIÓN

Ciclo de baixada nos tipos de xuro? E debate sobre a redución da xornada laboral en España, por Maite Cancelo

G24.gal 20/09/2024 08:06

A agresiva baixada de 50 puntos básicos dos tipos de interese nos EUA (fronte ao habitual 25) que aprobou a Reserva Federal Americana esta semana ten efectos sobre a economía americana pero tamén sobre a nosa. De feito levamos dous meses en que o euro se revalorizou con forza fronte ao dólar (un 3 %) e, ademais, a autoridade económica estadounidense suxeriu novas baixadas importantes no prezo de referencia dos cartos nese país.

Estamos ante unha política máis decidida da FED que na do BCE, que parece descartar unha nova baixada de tipos en outubro e esperar ata decembro para tomar a decisión.

Pero, a apreciación do euro fronte ao dólar afecta negativamente a nosa competitividade nun contexto de debilidade do comercio internacional. Se a iso lle engadimos un contexto en que os créditos aínda se están negociando a prezos moi elevados, o efecto sobre as economías europeas será dun novo freo ao crecemento económico.

Ao anterior, cómpre engadir que o último dato do IPC na Zona Euro se moderou ata o 2,2 %, catro décimas menos que en xullo, sendo a cota máis baixa desde xullo de 2021. Incluso a subxacente, aínda que en menor medida, baixou unha décima, situándose no 2,8 %. Esta última, que elimina na estimación dos prezos os elementos máis volátiles (enerxía e alimentos) é na que se basea o BCE para a toma de decisións sobre os tipos.

E se hai que facer un prognóstico sobre se estamos nun ciclo de baixada de tipos, está claro que nos EUA si, e que as decisións da FED xunto coa moderación dos prezos en Europa e a debilidade do noso crecemento poderían provocar unha revisión das decisións do BCE nos próximos meses, acelerando o ritmo dos recortes nos tipos.

Debate sobre a redución da xornada laboral

A redución da xornada laboral é un dos temas no debate económico e social e sobre a que sindicatos e patronal non se poñen de acordo. A base da reforma é que non levaría asociada unha redución salarial e por suposto un aumento (e mesmo mantemento) da nosa xa pobre produtividade, inferior á doutros países europeos, coa excepción do sector agrario.

A cuestión é que, se dependemos exclusivamente do sector turístico e na hostalería se reducen as horas empregadas, impactará na nosa economía e, sobre todo, na renda por habitante da que non podemos presumir. O mesmo ocorre co sector da construción, que segue tendo un elevado peso no noso crecemento.

Con relación ás empresas, este tipo de medidas pon en risco a súa propia viabilidade, xa que non se prevé un aumento da produtividade por hora.

O informe de FEDEA, ademais, advirte que a adopción desa medida será especialmente negativa para os empregados estranxeiros, ao diminuír a súa capacidade de acumular horas de traballo na mesma empresa e que se restrinxirá o crecemento das rendas futuras. Co recorte de horas, aumentarán os custos laborais pero a produtividade non mellorará.

Son, pois, numerosos os estudos que desaconsellan unha medida política destas características sen ter en conta os impactos económicos que se producen.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade