A USC participa no ensaio clínico dun tratamento oral contra a covid
A USC participa no ensaio clínico dun tratamento oral contra a covid
O fármaco non reduce a carga viral, pero evita os síntomas e que a enfermidade evolucione a peor
A investigación confirma a eficacia deste tratamento para os casos leves de covid. Ten a vantaxe de que se toma por vía oral e que corta a replicación do virus nos primeiros momentos da infección.
"Cando o virus entra, utiliza as nosas células para replicarse, para producir máis virus, saír das células e infectar outras células. Este é un fármaco que bloquea un receptor, o sigma-1, e impide que o virus se poida replicar", explica Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía da USC.
O ensaio clínico iniciouse no 2021. Participaron cento vinte pacientes diagnosticados con covid-19 leve e recrutados no centro de saúde da Estrada e nos servizos de urxencias do hospital Clínico de Santiago e no do Barbanza, e noutros centros sanitarios de Barcelona.
"Con este ensaio non se viu unha redución significativa da carga viral, cremos que tamén polo sitio onde se tomaban as mostras, pero reduciu os síntomas e o curso da enfermidade, a dor de cabeza, de garganta e a tose".
O fármaco é útil para tratar todas as variantes da covid e outras infeccións víricas.