Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cinco chaves para seguir a constitución das novas Cortes

Cinco chaves para seguir a constitución das novas Cortes

As sesións, que comezarán ás 10:00 horas, é practicamente semellante no Congreso e o Senado

G24.gal 14/08/2023 08:58

As novas Cortes Xerais xurdidas das eleccións do pasado 23 de xullo constitúense este xoves coa elección dos presidentes do Congreso e o Senado, dos membros das mesas de ambas as cámaras e coa toma de posesión do escano dos parlamentarios electos.

As sesións constitutivas chegan tras preto dun mes de intensas e discretas negociacións para formar a Mesa do Congreso, onde os bloques de esquerda e dereita están practicamente igualados. No Senado, o PP ten maioría absoluta.

A XV lexislatura comeza marcada tamén pola incógnita da formación do novo goberno. Estas son cinco claves para seguir a constitución das novas Cortes.

Mesa de idade

O desenvolvemento das sesións, que comezarán ás 10:00 horas, é practicamente semellante no Congreso e o Senado. A data e a hora quedaron fixadas no real decreto do 30 de maio de disolución das cámaras e de convocatoria de eleccións. Non así a asignación de escanos. Nesta primeira sesión os deputados poden colocarse onde queiran. Tradicionalmente, o PSOE utiliza o sector esquerdo da bancada e o PP o dereito.

Ao tratarse dunha lexislatura nova, os órganos das cámaras aínda non están constituídos, polo que para dirixir esta primeira sesión configúrase unha Mesa de Idade, de carácter temporal e formada polos parlamentarios de máis e menos anos. No Senado, antes de formarse, abre a sesión o senador que primeiro se acreditou tras as eleccións.

No Congreso esta Mesa estará presidida polo deputado de máis idade e actuarán como secretarios os dous máis novos. No Senado presídea o senador con máis anos, asistido polos catros con menos idade como secretarios.

Os presidentes declararán aberta a sesión e un dos secretarios lerá o decreto de convocatoria, a lista de parlamentarios electos e os que poden verse afectados por algún recurso electoral pendente.

Elección da Presidencia e da Mesa

Unha vez lidos todos os nomes, toca a elección do presidente e dos outros oito membros das Mesas do Congreso e o Senado, os órganos de goberno e funcionamento das cámaras.

Son tres votacións secretas. Os parlamentarios serán chamados un a un por orde alfabética para introducir nunha urna as súas papeletas cun só nome (dous nas eleccións dos secretarios do Senado) escrito en cada quenda.

Primeiro elíxese o presidente; a continuación, os catro vicepresidentes, e, por último, os catro secretarios.

A segunda volta

A presidencia será para quen obteña maioría absoluta (176 votos no Congreso e 133 no Senado). Se non se alcanza, haberá unha segunda votación entre os dous con máis votos e será elixido o que reúna máis apoios.

Para as vicepresidencias só haberá unha votación. Cada parlamentario escribe un nome e resultan elixidos, por orde, os que máis votos teñan.

Co mesmo sistema elíxense as catro segregarías. Se se producise un empate, celebraranse sucesivas votacións entre os candidatos igualados en votos.

Toma de posesión

Unha vez elixidos, os nove membros das Mesas ocupan os seus escanos na tribuna do hemiciclo e comeza a lectura dos nomes, un a un, dos parlamentarios para que acaten a Constitución, un requisito indispensable para obter a condición plena de deputado ou senador.

Por último, os presidentes declararán constituídas as cámaras e levantarán a sesión, o que comunicarán ao rei e ao Goberno.

Composición do Congreso e do Senado

O Congreso componse de 350 deputados. Na XV lexislatura, o PP será o partido con máis escanos (136), seguido do PSOE, con 122. Vox será a terceira forza con 33 escanos e a cuarta, Sumar con 31. ERC ten 7, Junts per Catalunya outros 7, EH-Bildu 6 e PNV 5. UPN, BNG e Coalición Canaria contan cun cada un.

O Senado ten 265 membros, dos que 57 son designados polos parlamentos autonómicos e 208 elixidos polas urnas. Destes últimos, 120 serán do PP, 72 do PSOE, 7 de Esquerda pola Independencia (ERC e EH-Bildu) e 4 do PNV.

A Agrupación Socialista Gomera (ASG), UPN, a Agrupación Herreña Independente (AHI), a coalición eivisenca (formada por PSOE, Sumar, EUIB e Ara Eivissa) e Junts teñen un cada un.

Tras as eleccións autonómicas do pasado 28 de maio comezou o proceso para elixir a 31 senadores territoriais correspondentes aos parlamentos que xurdiron deses comicios. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade