Cinco detidos no desaloxo dun edificio "okupado" en Majadahonda
Cinco detidos no desaloxo dun edificio "okupado" en Majadahonda
No operativo participaron uns 150 axentes da Garda Civil e da Policía Local
O mércores pasado producíronse altercados violentos nun intento de recuperar o inmoble
Uns 150 axentes axentes da Garda Civil e da Policía Local desaloxaron este domingo un edificio de vivendas ocupadas de xeito ilegal na localidade madrileña de Majadahonda. O operativo, que comezou ás sete da mañá, completouse sen incidentes e con cinco persoas detidas.
"Desenvolveuse o operativo con total normalidade, os moradores non ofreceron resistencia. Foron detidas cinco persoas con antecedentes anteriores. Tamén se atopaban na vivenda dúas familias con menores que foron atendidas polos servizos sociais do concello de Majadahonda para ofrecerlles unha solución habitacional", di Ángel Alonso, concelleiro de Seguridade Cidadá.
O dispositivo organizouse despois de que o Xulgado de Instrución número 3 de Majadahonda tomara como medida cautelar o desaloxo do edificio a petición da empresa Desokupa, que se viu implicada en altercados violentos o mércores pasado no seu intento de recuperar o inmoble.
Ese día algúns dos okupas ameazáronos con varias armas brancas e lanzáronlles pedras e obxectos contundentes.
"No inmoble entramos, evidentemente, como viña no auto xudicial, de maneira proporcional, de maneira pacífica. Entramos, xa os coñecemos desde hai moito tempo. Fíxose un desaloxo sen ningún tipo de incidente por parte da Garda Civil e nós. Notificóuselles o alzamento xudicial e saíron sen ningún tipo de problema", engade Ismael Illán, inspector xefe da Policía Local de Majadahonda.
Os veciños da zona denunciaran durante os últimos meses a situación de inseguridade que vivían provocada polas persoas que tiñan ocupado o edificio.