Cinco detidos nunha operación antidroga en Santiago
Cinco detidos nunha operación antidroga en Santiago
Abastecían de estupefacientes un punto de venda no barrio dos Concheiros
A Policía Nacional incatouse de medio quilo de cocaína nun domicilio da Estrada
Golpe ao tráfico de drogas en Santiago. A operación Libro saldouse co arresto de cinco persoas que abastecían de estupefacientes un punto de venda na zona dos Concheiros.
No marco da operación os axentes da Policía Nacional incautaron tamén 500 gramos de cocaína, unha balanza e 5000 euros en efectivo nun domicilio da Estrada. A brigada de estupefacientes empregou cans especializados para o rexistro. Os detidos xa declararon ante o xuíz, que decretou o ingreso en prisión provisional para un deles.
Veciños e comerciantes das rúas Concheiros, Home Santo e Rodríguez de Viguri levan tempo denunciando os problemas de convivencia que xera a compra venda de droga na zona. Pelexas, furtos e inseguridade que, segundo din, foron a peor nos últimos tempos.
"É constante, todos os días hai problemas, ameazas ou veñen a pedir bicarbonato para cortar drogas e cousas así. Padecemos a situación, a xente directamente xa non pasea de noite e temen polos seus nenos. Eu teño medo, cando pecho o restaurante teño que estar pendente, pasamos de estar sempre abertos a vivir en tensión", di un hostaleiro.
Piden unha maior vixilancia policial para disuadir aos traficantes e tentar recuperar a tranquilidade na zona. Mentres, a operación antidroga continua aberta e non se descarta que haxa novas detencións.