Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen catro persoas en varios operativos contra o tráfico de drogas en Boiro e A Pobra

Deteñen catro persoas en varios operativos contra o tráfico de drogas en Boiro e A Pobra

Aos detidos os axentes da Garda Civil requisáronlles distintas cantidades en pequenas bolas de heroína, marihuana, cocaína e mesmo crak

Operación contra o tráfico de drogas/Arquivo Operación contra o tráfico de drogas/Arquivo
G24.gal 29/06/2024 11:44

Axentes da  Garda Civil detiveron a catro persoas en catro operativos contra o consumo e a venda polo miúdo de substancias estupefacientes nas localidades coruñesas de Boiro e A Pobra do Caramiñal.

A primeira das actuacións policiais foi en Boiro, na rúa Pablo Iglesias, e os axentes sorprenderon ao detido, veciño da localidade, en posesión de diferentes substancias preparadas en doses individuais para a súa venda.

Así, os axentes interviñeron 10 bolsitas de cocaína, un frasco con cocaína cociñada, crack e dúas bolsiñas con heroína.

O segundo operativo foi na Pobra do Caramiñal cando o detido entregou unha dose a cambio de diñeiro a outra persoa. Os axentes atopáronlle 0,17 gramos de cocaína e diñeiro en moeda fraccionada.

A terceira intervención tivo lugar en Boiro, na rúa Corillo, cando os axentes observaron como varias persoas, que se atopaban na zona, estaban a esperar e contactaron cun home que entrou nunha vivenda. Posteriormente, do inmoble saíu outro individuo que ía realizar a entrega das doses solicitadas. Os axentes interviñeron 2,63 gramos de heroína, 0,21 gramos de cocaína e 0,75 gramos de marihuana.

A cuarta das intervencións tivo lugar nun local de hostalería de Escarabote. Ao acceder, os axentes notaron un forte cheiro a marihuana e comprobaron que no interior estaba un mozo fumando un porro. Desta forma, procederon a identificalo, ao palpado superficial e a confección correspondente da acta de denuncia.

Ademais, ao comprobar á persoa que se atopaba ao seu lado atopáronlle nove bolsiñas con cocaína no seu interior, polo que procederon á súa detención.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade