Co surf como dinamizador, o turismo do xeodestino Ferrolterra Rías Altas medra un 20 % no último ano
Co surf como dinamizador, o turismo do xeodestino Ferrolterra Rías Altas medra un 20 % no último ano
Co surf como dinamizador, o turismo do xeodestino Ferrolterra Rías Altas medra un 20 % no último ano
O crecemento axuda a aumentar a oferta dos aloxamentos turísticos da comarca
Finais de outubro, e a este cámping de Valdoviño continúan a chegar surfistas estranxeiros, principalmente alemáns ou ingleses.
"O surf e as ondas sabemos que funcionan todo o ano, e aínda que isto segue a ser moi estacional si é verdade que está a funcionar un pouco", comenta Javier Fidalgo, xerente do Cámping Valdoviño.
"Un turista que no verán está máis relacionado coas escolas de surf que teñen un gran crecemento neste territorio; en cambio, nestas épocas do outono como esta en que estamos agora, adoitan ser xa profesionais e experimentados e nótase que nos aloxamentos regrados se alonga en certa medida a temporada de verán", engade Jacobo Pérez, CEO de Goodlife Consultores
A práctica do surf sitúase como un dos motores da actividade turística das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Ao seu redor xorden outras actividades paralelas, como o padel-surf, o kayak, a vela e outras, como son as rutas tanto de camiñar como de BTT, o camiño a Santo André de Teixido ou a primeira via ferrata de Galicia que este ano comezou a funcionar en Cedeira.
"Os datos oficiais falan dun importante crecemento deste xeodestino Ferrolterra e Rías Altas que tivo cotas de crecemento do ano pasado a este de arredor do 20 %", asegura Jacobo Pérez.
Este crecemento tamén contribúe a aumentar a oferta dos aloxamentos turísticos da zona que se dotan de instalacións para dar resposta a unha demanda en alza. É o caso das vivendas turísticas e bungalows.
"É como unha casa pequena. Ten todos os servizos e calefacción. O que queremos con este tipo de aloxamento é desestacionalizar o turismo máis alá da época do verán", explica Javier Fidalgo.
E seguir consolidando as prácticas deportivas en espazos naturais como un dos grandes atractivos de Ferrolterra.